13 de ago. de 2026

PONTEVEDRA

Luis López afirma que o éxito do visionado da eclipse en Lalín eleva a provincia como destino astroturístico de referencia baixo o proxecto Baixo o Ceo das Rías Baixas 

Para o visionado seguro da eclipse o presidente empregou un dos 30.000 lentes homologados distribuídos pola Deputación entre os concellos e as oficinas turísticas provinciais


Para o visionado seguro da eclipse, o presidente empregou os lentes homologados que a Deputación de Pontevedra distribuíu entre os concellos e as oficinas turísticas provinciais
Foto: J. Philippot

Infogauda/Pontevedra

 O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, participou este mércores na xornada cultural organizada en Lalín, un dos concellos que se adheriron con máis entusiasmo ao produto turístico Baixo o Ceo das Rías Baixas promovido pola institución provincial, co gallo da eclipse solar do 12 de agosto. A xornada levou ao Altar do Sol, en Alperiz, diversas actividades ao longo de máis de sete horas como un concerto do grupo Fillas de Cassandra, que comezou ás 22:00 horas (unha vez pasado o fenómeno astronómico), financiado pola Deputación de Pontevedra.

 Para o visionado seguro da eclipse, o presidente empregou os lentes homologados que a Deputación de Pontevedra distribuíu entre os concellos e as oficinas turísticas provinciais nun lote de máis de 30.000 exemplares. Trátase dunhas accións levadas a cabo dentro de Baixo o Ceo das Rías Baixas, un produto turístico que naceu en 2023 tras detectar a oportunidade de actuar no astroturismo ao elaborar a Estratexia Rías Baixas 61 para o marco 2023-2030. Este proxecto ten a vocación de ser un produto estable máis alá da cadea de eclipses que terán lugar entre 2026 e 2028 e o interior da provincia, polas súas características xeográficas e demográficas, terá unha especial presenza.

 A finalidade de Baixo o Ceo das Rías Baixas é atraer a Pontevedra novos públicos, potenciar o rural e prolongar a estadía dos visitantes. Baixo o paraugas deste produto experiencial e divulgativo, que impulsa a sostibilidade e a diversificación da oferta do destino en colaboración cos concellos adheridos, creouse unha rede de puntos de observación, promovéronse quedadas de observación e distribuíuse material informativo entre as oficinas da Rede INFO RÍASBAIXAS e aloxamentos hostaleiros. Tamén se organizaron xornadas formativas para o sector e técnicos municipais e estase a impulsar a certificación Starlight dos Castelos de Sobroso e de Soutomaior, onde un grupo de 15 persoas puido observar a eclipse deste 12 de agosto nunha actividade de maridaxe cos viños da D.O. Rías Baixas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario