O PSOE do Baixo Miño critica que a Xunta siga adiando a mellora do transporte público na comarca
Infogauda/O Baixo Miño
As e os socialistas consideran inaceptable que a nova licitación se vaia ata 2027 e lembran que a Xunta de Galicia pode introducir melloras no servizo actual mentres non entren en funcionamento os novos contratos.
O PSdeG-PSOE do Baixo Miño critica a demora da Xunta de Galicia na posta en marcha do novo modelo de transporte público para a comarca, tras coñecerse que o actual servizo que conecta Vigo co Val Miñor e o Baixo Miño volverá ser prorrogado e que a licitación dos novos contratos non está prevista ata 2027.
Para os socialistas, o proceso estase alongando excesivamente mentres a veciñanza continúa soportando as mesmas deficiencias no seu día a día.
“Levamos tempo denunciando as carencias do transporte público no Baixo Miño e a resposta non pode ser unha prórroga detrás doutra. A comarca necesita solucións e o que agora sabemos é que aínda teremos que seguir agardando máis polo novo servizo”, sinalan desde a coordinación comarcal socialista.
O PSOE lembra que nos últimos meses impulsou unha iniciativa conxunta nos concellos da comarca para reclamar melloras no transporte, apoiada nos resultados dunha enquisa realizada entre persoas usuarias dos cinco municipios do Baixo Miño.
Os socialistas consideran especialmente preocupante que, mentres se prolonga a tramitación dos novos contratos, a veciñanza teña que continuar dependendo dun servizo que xa demostrou non responder adecuadamente ás necesidades da comarca.
Por iso, advirten de que a demora da nova licitación tampouco pode servir de escusa para manter todo como está. A Xunta, como administración responsable, dispón de mecanismos para introducir modificacións nas condicións de explotación do servizo actual e adaptar horarios, expedicións ou capacidade ás necesidades das persoas usuarias.
“Que a Xunta tarde ata 2027 en licitar os novos contratos é responsabilidade da Xunta; o que non pode pretender é que a veciñanza asuma tamén as consecuencias desa demora. Se o novo modelo tarda, as melloras non poden tardar”, sosteñen.
Entre as medidas que o PSOE do Baixo Miño leva meses reclamando están o reforzo das frecuencias en horas punta e fins de semana, a mellora das conexións cos hospitais e o CUVI, o incremento da capacidade nas expedicións con maior demanda e unha mellor adaptación dos horarios ás necesidades laborais, educativas e sanitarias.

Ningún comentario:
Publicar un comentario