A CIG denuncia que a aparente mellora do emprego en xullo agocha un mercado laboral cada vez máis precario e inestábel
• Advirte de que o incremento das afiliacións responde á contratación temporal propia do verán, mentres o paro aumenta, especialmente entre as mulleres
Infogauda/Santiago de Compostela
Os datos do paro rexistrado e das afiliacións á Seguridade Social correspondentes ao mes de xullo confirman que o mercado laboral galego continúa instalado na precariedade e na estacionalidade. Así o asegura o secretario confederal de Emprego, Francisco González Sío, quen considera que a aparente contradición entre o incremento do paro e o aumento das afiliacións non responde a unha mellora estrutural do emprego, senón á creación de postos de traballo temporais ligados á campaña estival.
Neste sentido, Sío lembra que, mentres o número de persoas desempregadas rexistradas aumentou en 1.554, rematando o mes de xullo cun total de 107. 322 persoas desempregadas, as afiliacións á Seguridade Social medraron en 12.916 persoas, unha evolución que require unha análise máis profunda que a simple lectura das cifras.
O secretario confederal de Emprego subliña que a creación de emprego volve concentrarse nos sectores propios do verán, como a hostalaría e o comercio, ao tempo que outros, como a educación, destrúen miles de postos de traballo ao remate do curso escolar. En concreto, a hostalaría gañou 5.518 afiliacións, o comercio 3.638, a Administración pública 2.276 e as actividades sanitarias e de servizos sociais 3.191, mentres que a educación perdeu 6.479 afiliacións nun só mes. Para a CIG, esta alternancia entre sectores confirma a enorme fraxilidade do mercado laboral galego e a incapacidade para crear emprego estábel ao longo de todo o ano.
Carácter temporal
Sío denuncia ademais que a maior parte das novas altas na Seguridade Social teñen carácter temporal. Os datos amosan que os contratos temporais a xornada completa medraron en 6.928 persoas (7,5%) e os temporais a xornada parcial en 5.475 (17,5%), mentres descenden modalidades como os contratos fixos descontinuos e mesmo os indefinidos a tempo parcial. A xuízo da CIG, isto confirma que o incremento da afiliación responde ás necesidades estacionais das empresas e non á consolidación de emprego de calidade.
O secretario confederal de Emprego considera que estes datos desmontan un dos principais obxectivos cos que foi presentada a reforma laboral de 2021. "Prometeuse acabar coa temporalidade, pero o que vemos é que simplemente cambiaron as modalidades contractuais mentres continúa o abuso da contratación precaria", afirma Sío. Proba diso é que durante o mes de xullo se rexistraron 61.355 contratos temporais, fronte a 23.998 indefinidos, polo que apenas o 28,1% dos contratos asinados tiveron carácter indefinido.
Por iso cualifica de “fracaso” estas políticas de emprego, denuncia a “baixa calidade do tecido empresarial” e considera que “hai empresarios que están máis preocupados polo absentismo que por crear empresas capaces de ofrecer emprego estable”. Empresarios que, afirma, “están máis preocupados de que os seus traballadores e traballadoras vaian traballar estando enfermos que de crear emprego de calidade”.
Precariedade entre as mulleres
Outro dos aspectos que preocupa especialmente á CIG é o impacto da precariedade sobre as mulleres. Dos 1.554 novos desempregados rexistrados no mes de xullo, 1.332 son mulleres, é dicir, o 86% do incremento do paro. Ademais, dous terzos das novas persoas desempregadas proceden do sector servizos, precisamente o máis feminizado da economía galega. Para Francisco González Sío, estes datos evidencian que "a cara da precariedade segue tendo nome de muller".
A CIG considera tamén que a persistencia desta realidade responde ao fracaso das políticas laborais desenvolvidas nos últimos anos. Sío lembra que continúa sen derrogarse a reforma laboral de 2012, o que mantén un sistema no que despedir segue sendo barato e doado, e insiste en que é necesario un cambio profundo das políticas económicas e de emprego.
Neste contexto, a central sindical reclama un reforzo decidido dos servizos públicos e unha política industrial capaz de crear emprego estábel e con salarios dignos, fronte a un modelo excesivamente dependente das campañas estacionais e dos sectores con maior precariedade laboral.
Para o secretario confederal de Emprego, os datos de xullo confirman unha vez máis que a evolución positiva dalgúns indicadores estatísticos non pode ocultar a realidade dun mercado laboral galego marcado pola temporalidade, a estacionalidade e a desigualdade, unha situación que continúa castigando especialmente ás mulleres e ás persoas traballadoras dos sectores máis precarizados.

Ningún comentario:
Publicar un comentario