A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para solicitar as axudas autonómicas para persoas con ELA
• Esta iniciativa, pioneira no conxunto do país, achega 12.000 euros anuais aos afectados para sufragar os gastos derivados desta enfermidade
Foto: XdeG
Infogauda/Galicia
A Xunta de Galicia mantén aberto o prazo para solicitar as axudas autonómicas de 12.000 euros anuais dirixidas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). As peticións poderán facerse ata o 3 de novembro.
O Goberno galego destina 2,1 millóns de euros a esta orde de achegas, que son pioneiras no conxunto do país e que se puxeron en marcha por primeira vez no ano 2023. O obxectivo destas axudas, que son compatibles con calquera outra orde de achegas, é contribuír a sufragar os elevados custos desta enfermidade e, polo tanto, pode empregarse para a adquisición de produtos como camas articuladas, guindastres ou cadeiras de rodas, entre outros, para a contratación de servizos ou mesmo para obras de adaptación na vivenda.
O Goberno galego reafirma así o seu compromiso con todos os doentes de ELA e as súas familias, e continúa o seu traballo para intentar mellorar a súa calidade de vida e axilizar a súa atención. Con todo, a Xunta segue reclamando ao Goberno central que as axudas da Lei ELA sexan para todos os doentes e que poidan utilizarse para o servizo que precisen.

Ningún comentario:
Publicar un comentario