Raúl García: «A animación é unha forma de vida; comezas como un friki e acabas vivindo diso»
«Hoxe vemos a familia Simpson como algo normal, pero naquela época era unha sátira moi atrevida da familia americana», destaca este autor, gran coñecedor desta coñecida serie norteamericana.
Foi o primeiro animador español en incorporarse a Disney, participou en clásicos como A Bela e a Besta, Aladdin ou Quen enganou a Roger Rabbit; colaborou con Os Simpson, gañou un Premio Goya e forma parte da Academia de Hollywood. Con máis de corenta anos de profesión ás costas, Raúl García visita A Coruña coa exposición dedicada ao universo d’Os Simpson e aproveita para reflexionar sobre a evolución da animación, os cambios en Hollywood e o futuro dunha profesión que, asegura, segue dependendo da creatividade por enriba da tecnoloxía.
P. Chegas á Coruña cunha exposición arredor d’Os Simpson, unha serie coa que mantés unha relación moi especial. Qué significou para ti?
Foi unha auténtica revolución. Cando apareceron, a finais dos anos oitenta, non había nada parecido. Eu estaba traballando en Londres e algúns compañeiros estadounidenses recibían en vídeo os episodios antes de que chegasen a Europa. Xuntabámonos para velos e todos tiñamos a sensación de que estabamos diante dunha serie que rompía completamente co que se fixera ata entón.
Hoxe vemos a familia Simpson como algo normal, pero naquela época era unha sátira moi atrevida da familia americana. Bart Simpson dicindo «Cómeme os calzóns» era algo impensable na televisión convencional.
P. A túa relación coa serie vén de moito antes do seu éxito.
Si. Cando rematei a universidade, fixen unha curtametraxe que percorreu festivais internacionais. Alí coñecín tres persoas que despois marcarían a historia da animación: Tim Burton, David Silverman e Marc Baker, que anos máis tarde crearía Peppa Pig.
David acabou uníndose a Matt Groening para poñer en marcha Os Simpson. O curioso é que todos os amigos lle diciamos que aquilo non tiña futuro. Aconsellabámoslle buscar un traballo en Disney ou Warner, porque pensabamos que aquela pequena produción desaparecería axiña.
Equivocámonos por completo. Anos despois chamáronme para colaborar nun dos especiais de Halloween, nunha parodia de Bambi. Foi unha achega pequena, pero para min supuxo cumprir unha desas ilusións que gardas durante toda a vida. Ademais, levo décadas coleccionando material relacionado coa serie, e desa paixón nace precisamente a exposición que presento agora.
P. O teu grande obxectivo, porén, sempre foi Disney.
Sempre quixen dedicarme á longametraxe de animación. Naqueles anos apenas existían estudios que fixesen películas, así que fun seguindo o traballo por distintos países: Madrid, París, Dublín, Corea ou Londres.
Despois de participar en Quen enganou a Roger Rabbit, chegou a chamada que levaba anos esperando. Curiosamente, coincidiu coa recuperación de Disney, despois dunha etapa moi complicada. O estudio acababa de iniciar a súa nova idade de ouro e buscaba unha xeración completamente nova de animadores. Tiven a sorte de chegar no momento exacto.
P. E o primeiro personaxe que che asignaron foi o Xenio de Aladdin.
Si, e segue sendo o meu favorito. En Disney non se traballaba por escenas, senón por personaxes. Durante toda a película, ti eras responsable dun deles, o que permitía coñecelo ata o máis mínimo detalle. Chegaba un momento no que xa non pensabas en como debuxalo, senón en como interpretaba, como reaccionaba ou que personalidade tiña.
Ao final, decátaste de que a animación non consiste en facer debuxos bonitos. O importante é conseguir que o espectador esqueza que está vendo un debuxo e crea que ese personaxe está vivo.
P. A industria cambiou radicalmente desde aquela época.
Completamente. A tecnoloxía deunos unha liberdade enorme. Hoxe podo dirixir unha película desde A Coruña con artistas repartidos entre Panamá, Singapur ou Alemaña. Iso era impensable cando todo se facía con papel, lapis e cámaras de 35 mm.
Pero tamén perdemos algo moi valioso: a cultura dos estudios. Antes compartiamos espazo todos os días. Vías o que estaba facendo o compañeiro, aprendías del, aparecían ideas novas mentres tomabades un café ou paseabades polos corredores. Os estudios estaban cheos de debuxos, caricaturas e bromas privadas. Era un ambiente creativo moi especial.
Hoxe moitos equipos apenas se coñecen persoalmente. Na miña última película traballaron preto de duascentas persoas e hai compañeiros cos que nunca coincidín fisicamente.
P. Tamén cambia a perspectiva cando deixas de ser animador para converterte en director.
É un cambio absoluto. Como animador interpretas as ideas doutra persoa. Como director, a película convértese na túa visión. Iso dá unha liberdade inmensa, pero tamén fai moi difícil volver aos grandes estudios, onde constantemente tes que responder diante de produtores e executivos.
Sempre digo en broma que cada poucos meses aparece alguén novo decidido a cambiar todo o que xa estaba aprobado. Forma parte do sistema, pero cando probas a liberdade de contar a túa propia historia, custa renunciar a ela.
P. E a qué andas agora?
Agora estou inmerso en Flamingo Flamenco, unha comedia musical completamente distinta de The Violinist. Despois de pasar tantos anos facendo un drama, necesitaba volver ao humor.
P. Tamén viviches desde dentro a evolución da Academia de Hollywood.
Si. Nunca fun dos que se conforman con votar os Óscar e marchar para a casa. Pasei doce anos no comité executivo e participei en diferentes xurados e comisións. Foi unha etapa apaixonante, porque coincidiu coa apertura da Academia ás novas xeracións. Incluso participei nas conversas que desembocaron na creación do Óscar á mellor película de animación.
Ás veces penso nas situacións que me tocou vivir e aínda me custa crelas. Cheguei a discutir con Saul Bass sobre o futuro da Academia e mentres falaba con el pensaba: «Que fago eu debatendo con alguén que cambiou a historia do deseño e do cine».
P. Nos últimos anos tamén decidiches regresar a España. Qué mudou en Hollywood?
Mudou case todo. O teletraballo fixo que xa non sexa necesario vivir en Los Ángeles para facer películas. Ao mesmo tempo, apareceu un forte problema de idadismo e unha enorme inestabilidade nos estudios.
Antes, un executivo podía acompañar un proxecto durante cinco anos. Agora moitos cambian de posto en poucos meses. Iso provoca que unha película quede paralizada simplemente porque a persoa que a apoiaba xa non está.
Tamén notei un cambio social importante. California sempre foi un lugar moi aberto e moi diverso, pero nos últimos anos percíbese unha polarización moito maior desde a chegada de Donald Trump. Todo iso tamén influíu na decisión de volver.
P. Outro dos grandes desafíos é a intelixencia artificial. Cómo a ves?
Toda tecnoloxía cambia a maneira de traballar, pero hai unha cousa que non cambia: as ideas. A xente pensa que animar consiste en debuxar ben, e iso nunca foi o máis importante. O realmente difícil é decidir o que debuxar, por que un personaxe mira cara a un lado, por que cala nun determinado momento ou por que un movemento emociona o espectador.
A ferramenta pode cambiar. O proceso creativo segue pertencendo ás persoas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario