PIRAGÜISMO
CATRO MEDALLAS PARA O TEIXUGO LOIS MONTENEGRO, NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SLÁLOM POR SELECCIÓNS AUTONÓMICAS
Integrantes da Selección Galega en Idade Escolar, da cal foron convocados varios teixugos
Informa (fotos e redacción): Rosa Fernánde Carrera
Esta fin de semana tivo lugar na localidade leonesa de Sabero, o Campionato de España de Slálom por Seleccións Autonómicas en Idade Escolar. Cada autonomía levou equipos formados por tres deportistas en cada categoría. Varios foron os teixugos convocados para representar a Galicia nas augas do río Esla.
O sábado celebráronse as probas de slálom, tanto individual como patrullas, onde os tres integrantes do equipo baixan xuntos. O domingo tocoulle ao caiac cross, coa proba individual ou contra reloxo e os enfrontamentos.
Lois Montenegro, integrante do equipo masculino infantil, estivo impresionante. Formando equipo con Omar Martínez do Penedo e Xoel Fernández do Quixós, conseguiron a medalla de ouro en patrullas de canoa e a de prata en caiac. Na proba individual foi quinto en K1 e sétimo en C1. O domingo, na contra reloxo de caiac cross rematou terceiro, gañando por tanto o bronce na proba. Nos enfrontamentos superou cuartos rematando segundo da súa serie, gañou as semifinais e na final acabou segundo, conseguindo a prata, a súa cuarta medalla neste campionato.
Iván Cruz formou parte do equipo galego de C1 cadete, en patrullas rematou quinto e en C1 décimo sétimo. En caiac cross rematou vixésimo segundo na contra reloxo non pasando a cuartos.
Izan Vicente estivo no equipo de K1 cadete. En patrullas rematou sexto, en K1 individual décimo oitavo e en caiac cross non pasou a cuartos ao rematar vixésimo primeiro na contra reloxo.
Na categoría Infantil feminina Rita Olveira formou parte do equipo galego tanto en C1 como en K1, rematando quinta nas dúas modalidades. Non participou en patrullas ao ter o equipo galego só dúas integrantes. Tampouco participou en cross.
Na categoría cadete o equipo galego estaba formado integramente por teixugas. Leila e Nerea Álvarez tanto en K1 como en C1; Catalina Sánchez completou o equipo de caiac e Beatriz Sánchez o de canoa. En patrullas remataron cuartas en C1 e K1. Na proba de C1 Nerea Álvarez foi quinta, Leila undécima e Beatriz décimo terceira. En K1 Leila foi novena, Nerea undécima e Catalina décimo cuarta. O domingo en caiac cross Nerea, Leila, Catalina e Beatriz conseguiron o pase a cuartos de final ao rematar oitava, novena, décimo cuarta e décimo sexta, respectivamente. Só Nerea conseguiu pasar a semifinais, onde rematou terceira quedando fóra da final, rematando sexta.
No resultado final por federacións, Galicia rematou terceira por detrás de Cataluña e País Vasco, grazas, en parte, aos grandes resultados destes pequenos teixugos.
.jpeg)

.jpeg)
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario