A pesca artesanal únese para levar o produto do mar directamente á mesa
• Ormaluga impulsa desde a Lonxa da Guarda un novo modelo de comercialización directa que conecta produtores e consumidores e incorpora produtos de diferentes comunidades pesqueiras
Manuel Ignacio Carballal*/A Guarda
Poñer en valor a pesca artesanal, mellorar a rendibilidade dos produtores e achegar o produto do mar directamente aos consumidores. Con estes obxectivos, estamos a impulsar desde Ormaluga, Organización de Mariñeiros/as Luso-Galaica (OPP-98) unha transformación do modelo de comercialización que ten na Lonxa da Guarda o seu principal punto de encontro entre produtores e compradores.
Ormaluga nace da vontade de colaboración de mariñeiras, mariñeiros, mariscadoras e mariscadores do sur de Galicia e do norte de Portugal. Os nosos socios, procedentes de A Guarda, Aldán, Baiona, Vigo ou Vila Praia de Âncora, comparten unha mesma realidade: son pequenos produtores da pesca artesanal, con embarcacións de menos de 12 metros, que buscan novas formas de comercializar as súas capturas e obter un maior valor polo seu traballo.
O apoio do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e dos fondos FEMPA da Unión Europea está a ser tamén fundamental para facer posible este proceso de transformación e fortalecer a capacidade dunha OPP pioneira en agrupar produtores artesanais de máis dun Estado membro.
Un modelo baseado na proximidade e na venda directa
A nosa aposta é avanzar cara a cadeas de valor máis curtas, nas que o produto pase directamente do produtor ao consumidor, reducindo intermediarios e facendo que unha maior parte do valor xerado polo mar quede nas comunidades pesqueiras.
Hai aproximadamente dous meses comezamos a aplicar este modelo na Lonxa da Guarda mediante un sistema sinxelo de venda directa: os barcos chegan a porto, comunicamos diariamente por WhatsApp o peixe dispoñible, os compradores realizan os seus encargos pola mesma vía e posteriormente pasan a recollelo na Lonxa.
Este sistema permitiunos prescindir da poxa á baixa para a maior parte das especies comercializadas. Deste xeito, buscamos evitar que o esforzo dos nosos produtores se vexa desvalorizado pola distancia da Guarda respecto dos principais centros de comercialización.
Na actualidade contamos con arredor de 500 compradores particulares e uns 300 profesionais, aos que ofrecemos produto de luns a venres, a excepción do percebe que mantén o seu sistema específico de comercialización mediante poxa.
Queremos que a distancia de A Guarda ou Aldán deixe de ser unha desvantaxe para os nosos produtores. O produto sae do mar, chega á Lonxa e pode ir directamente ao comprador, mantendo a súa frescura e establecendo unha relación máis próxima entre quen pesca e quen consume. No caso dos clientes profesionais, Ormaluga complementa esta venda directa cun servizo de reparto diario, que permite achegar o produto directamente aos seus establecementos e garantir que chegue nas mellores condicións de frescura.
A navalla de Aldán: pesca artesanal e produto por encargo
A incorporación da navalla de Aldán é un exemplo especialmente claro desta filosofía de colaboración. A través de Ormaluga, podemos garantir a procedencia da navalla que comercializamos, xa que o produto procede directamente dos nosos mariscadores mergulladores de Aldán e chega á Lonxa da Guarda a través dunha canle de comercialización directa.
Ademais, estamos a aplicar un sistema de extracción por encargo: os clientes solicitan previamente os quilos que necesitan e os mergulladores realizan a extracción en función desa demanda, sempre dentro dos topes máximos de captura establecidos. É unha forma de comercializar que responde tamén ao noso compromiso coa sustentabilidade do recurso: extraer o que se necesita, cando se necesita, evitando capturas innecesarias e adaptando a actividade á demanda real. Os pedidos de navalla poden realizarse ata as 13:00 horas e a distribución efectúase de martes a venres, garantindo así que o produto se prepare en función dos encargos e chegue ao comprador co máximo nivel de frescura.
Máis produtos para os nosos clientes
Esta aposta pola colaboración e a comercialización directa dá tamén un novo paso coa autorización da Confraría de Pescadores Santa Tecla da Guarda para actuar como centro de distribución de moluscos bivalvos vivos. Esta autorización permítenso ampliar progresivamente a nosa oferta e incorporar nos vindeiros días novos produtos, como mexillón, ameixa ou berberecho, entre outros, tanto para a venda directa na Lonxa como para o reparto aos nosos clientes profesionais.
Unha alianza baseada na confianza
Todo este proceso parte da vontade dos pequenos produtores de colaborar, compartir capacidades e buscar xuntos novas vías para comercializar a pesca artesanal.
Pero esta transformación non sería posible sen a confianza dos compradores. Restaurantes, peixeiras, profesionais da alimentación e consumidores particulares están a apostar por este modelo e permiten que unha relación máis directa entre produtor e comprador sexa unha realidade. Por isto, estamos a avanzar cara a un modelo baseado no produto de proximidade, na sustentabilidad, na venda directa e no coñecemento da procedencia do que chega á mesa. Neste sentido, a nosa aposta é clara: que o traballo de quen vive do mar teña máis valor e que o produto da pesca artesanal poida chegar directamente desde o mar ata a mesa.
* Membro de Ormaluga


Ningún comentario:
Publicar un comentario