Máis de medio século de historia do Real Club Celta de Vigo, a través das súas camisetas
• Nunha exposición patente no Recreo Artístico Guardés ata o vindeiro venres, 7 de agosto
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A programación das Festas do Monte Santa Trega 2026 inclúe unha cita de especial interese para o celtismo e para os amantes da historia do fútbol. O salón principal do Recreo Artístico Guardés acolle ata o vindeiro venres, 7 de agosto unha exposición de camisetas históricas do Real Club Celta de Vigo, unha mostra que reúne máis de cen pezas representativas da traxectoria da entidade celeste.
A colección permite realizar un percorrido pola evolución do club desde 1971 ata a actualidade, con camisetas correspondentes ás diferentes etapas deportivas e ás tres equipacións oficiais. Entre as pezas expostas ocupan un lugar destacado as vencelladas a futbolistas galegos e aos xogadores formados na canteira celeste, reflectindo a importancia da identidade propia na historia do Celta.
Esta colección ten a súa orixe nos primeiros meses da pandemia da COVID-19, cando numerosos afeccionados e coleccionistas se viron obrigados a vender parte das súas coleccións por motivos económicos. Foi entón cando o seareiro José Carlos Rebollar Portela, que tamén tivera que desprenderse dunha parte importante das súas camisetas, decidiu iniciar un proceso de recuperación centrado exclusivamente nas elásticas do Real Club Celta de Vigo.
O seu obxectivo foi conservar e poñer en valor unha parte fundamental da historia do club a través dun dos seus símbolos máis representativos. O resultado é unha colección que hoxe permite compartir ese legado tanto coa afección celeste como co público en xeral, ofrecendo unha viaxe por máis de cinco décadas de historia deportiva e sentimental.
A exposición conta coa colaboración do Recreo Artístico Guardés e da Peña Celtista Baixo Miño e pode visitarse diariamente en horario de 11.00 a 13.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas, permanecendo aberta ata o 7 de agosto.


Ningún comentario:
Publicar un comentario