O CONCELLO DA GUARDA ORGANIZA UNHA NOVA CHARLA INFORMATIVA SOBRE A COMPOSTAXE
• A cita terá lugar este mércores, 19 de agosto, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa Consistorial
Infogauda/A Guarda
O Concello da Guarda continúa coa súa aposta pola compostaxe cunha nova charla informativa no Salón de Plenos da Casa Consistorial este mércores, 19 de agosto, ás 20:00 horas.
A charla axudará as persoas veciñas que solicitaron un composteiro a coñecer mellor a súa función e uso, mais tamén está aberta a toda persoa que teña un composteiro ou queira saber máis sobre a compostaxe.
O obxectivo da utilización de composteiros é reciclar correctamente a materia orgánica para obter un abono de alta calidade, e coa charla as persoas participantes aprenderán a aproveitar os restos orgánicos para as hortas ou xardíns. Deste xeito apóstase pola economía circular ao tempo que se contribúe a reducir a produción de residuos e lixo e as emisións de CO2 á atmosfera.
O Concello da Guarda segue a repartir composteiros de xeito gratuíto entre as persoas veciñas. Quen estea interesado en obter un composteiro, xa o poden solicitar a través do enderezo electrónico medioambiente@aguarda.es ou no teléfono 986 61 00 00.
Estas accións contan coas axudas da Xunta de Galicia financiadas con fondos europeos NextGenerationEU, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica dentro do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario