Ribadavila prepárase para celebrar as festas na honra da Virxe da Guía
Ricardo Rodríguez Vicente/Ribadavila
O barrio de Ribadavila, na Guarda, prepárase para vivir varios días de celebracións na honra da Virxe da Guía, unha advocación mariana estreitamente ligada á xente do mar e, especialmente, aos mariñeiros.
A capela da Virxe da Guía, situada na parte alta do barrio, data do século XVI e é unha pequena construción de arquitectura relixiosa popular galega, con planta rectangular, cachotería, pórtico dianteiro e unha pequena espadana. No seu interior consérvase un retablo coa imaxe da Virxe.
Erguida nos antigos extramuros da vila medieval, a capela atopábase nun importante lugar de paso, xa que pola súa praza transitaban mercadores e comerciantes en dirección a Baiona. Ademais, a súa proximidade ao Camiño Portugués da Costa vinculou tamén esta advocación aos camiñantes que atravesaban Ribadavila rumbo a Compostela.
Máis alá do seu valor arquitectónico, a capela representa unha parte fundamental da memoria e identidade de Ribadavila. A devoción á Virxe da Guía, a súa relación co mar, a capela e as celebracións forman unha tradición que se foi transmitindo de xeración en xeración, mantendo vivo o vínculo entre a comunidade, o territorio e a súa historia.
Programación das festas
A programación, organizada pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva A Guía, combina tradición relixiosa, música, actividades deportivas e propostas para toda a familia.
Os festexos arrancarán o mércores 26 de agosto, ás 12:00 horas, cunha salva de bombas que anunciará que ese día dará comezo a novena, celebración relixiosa que terá lugar ás 19:30 horas coa misa.
A programación festiva terá unha primeira cita deportiva o domingo 30 de agosto, coa celebración da Carreira Pedestre Popular, que comezará ás 18:00 horas.
Xa o venres 4 de setembro, a música tomará a praza da Guía coa primeira das grandes verbenas. A partir das 22:30 horas, os grupos La Noria e Somozas serán os encargados de poñer ritmo á noite.
O sábado 5 de setembro será unha das xornadas máis intensas. Ás 10:30 horas, o grupo O Trebón dos Xidos será protagonista do pasarrúas, mentres que ao mediodía, ás 12:00 horas, terá lugar unha sesión vermut con cortador de xamón e a actuación de Terapia de Grupo.
A tarde estará especialmente dedicada aos máis pequenos, coa Festa Infantil, que comezará ás 18:00 horas e contará con inchables, pintacaras e as actuacións de Os Jalochos, A Landra Viaxeira e o Amigo Lambón.
Pola noite chegará outra gran verbena, a partir das 22:30 horas, coa música do Trío Xtra, o Grupo Priscila e o DJ Joselete, nunha cita pensada para prolongar a festa ata ben entrada a madrugada.
O domingo 6 de setembro chegará o momento central das celebracións: o día grande da Virxe da Guía. Unha salva de bombas anunciará o inicio da xornada, que contará ás 10:00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda.
Ás 11:30 horas celebrarase a misa solemne, cantada pola Coral do Club da Terceira Idade e Pensionistas de A Guarda. Ao remate da celebración eucarística terá lugar a tradicional procesión da Virxe, que percorrerá o itinerario habitual.
A actividade continuará pola tarde, ás 17:00 horas, coas tradicionais poxas, nas que non faltarán os xa clásicos lotes de peixe de coiro, sobremesas e produtos da horta, entre outros artigos. Como colofón, está prevista unha gran tirada de fogos.
As celebracións concluirán o martes 8 de setembro. Ás 9:00 horas terá lugar a misa rezada polos mordomos falecidos e, ás 12:00 horas, unha nova gran tirada de fogos poñerá o punto final ao programa festivo.
Deste xeito, Ribadavila convida veciños e visitantes a participar nunhas festas que manteñen vivo o carácter tradicional da celebración da Virxe da Guía, ao tempo que ofrecen un amplo programa de actividades para todas as idades.
As festas están organizadas pola Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva A Guía, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a través do Plan Culturea, o Concello da Guarda e Acanor.


Ningún comentario:
Publicar un comentario