A CIG continúa coas mobilizacións en defensa do emprego en Mercadona ante a implantación dun novo modelo comercial
• Este xoves, 9 de xullo, tivo lugar unha concentración diante do Mercadona da avenida da Florida, en Vigo
Infogauda/Vigo
Tal e como anunciaran, as seccións sindicais provinciais da CIG en Mercadona veñen realizando unha campaña de mobilizacións en toda Galiza para reclamar información e garantías laborais ante a implantación do novo modelo ‘Tenda 9’. O sindicato, maioritario nas provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense, denuncia a falta de comunicación da empresa a respecto dun proceso que considera determinante para o futuro do emprego na cadea.
A CIG-Servizos leva dende o pasado mes de abril solicitando unha reunión coa dirección da compañía de alimentación para coñecer os detalles da implantación deste novo modelo comercial. Ante a ausencia de resposta por parte da compañía, a central sindical decidiu deseñar unha campaña de mobilizacións que tivo a súa primeira acción o martes, 30 de xuño diante do Mercadona da Gándara, en Narón, establecemento do novo modelo ‘T9’.
E este xoves, 9 de xullo, ás 11:30 horas, tivo lugar unha concentración diante do Mercadona da avenida da Florida, en Vigo.
O sindicato considera que este novo modelo suporá unha redución dos postos de traballo e un deterioro das condicións laborais. E advirte de que tras a imaxe pública de emprego estábel e salarios competitivos que proxecta a compañía existen situacións que cualifica de abusos de poder, prácticas antisindicais, penalizacións económicas e ritmos de traballo excesivamente exixentes. “Ademais da actitude represiva da compañía contra todo o que representa CIG, tal e como evidencian varias sentenzas ao noso favor por vulneración de dereitos fundamentais”, sinalan dende a central sindical.
O novo formato de negocio que está a implantar Mercadona aposta por unha oferta máis orientada á restauración rápida, “potenciando o consumismo, competindo con cadeas de comida para levar e con establecementos de produto preparado e envasado”. Unha transformación que tamén suprime a atención directa pola agrupación de produtos envasados, substituíndo así as seccións de produto fresco. “As consecuencias destas decisións empresariais amparadas nunha redución de custes e na optimización de recursos vainas sufrir directamente o persoal”, alertan a CIG.
Despidos e traslados de persoal
De feito, a posta en marcha deste novo modelo no establecemento situado no polígono da Gándara, en Ferrolterra, xa está a evidenciar algunhas das medidas que a empresa podería estender a outros centros, “aplicando despedimentos, traslados de persoal a outras localidades e unha maior presenza de contratacións parciais ou descontinuas”. Dende a central sindical critican que estas prácticas contrastan cos importantes beneficios económicos que continúa rexistrando a compañía.
Por iso con esta campaña de protestas preténdese darlle un “toque de atención” a Mercadona para que “abandone o silencio” e explique “con transparencia” as consecuencias que o novo modelo terá para o conxunto das persoas traballadoras. Con este obxectivo, a CIG anuncia que continuará impulsando novas accións informativas e reivindicativas co obxectivo de garantir que todo o cadro de persoal dispoña de información “veraz e completa” sobre os cambios organizativos que se están a producir na empresa.
A vindeira mobilización será o 21 de xullo, ás 11:30 horas, no Mercadona das Lagoas, en Ourense.

Ningún comentario:
Publicar un comentario