FEMUPO clausura o Proxecto Ás
• Formando a unha nova promoción de mulleres no manexo profesional de drons
Foto:FEMUPO
Raquel Touriño/Pontevedra
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) celebrou o pasado 27 de xuño o acto de clausura dunha nova edición do Proxecto Ás, unha iniciativa financiada pola Deputación de Pontevedra que ten como finalidade fomentar a formación e a empregabilidade das mulleres en sectores tecnolóxicos con escasa presenza feminina.
O acto de peche contou coa presenza da deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Paula Bouzos, que quixo acompañar ás participantes nesta xornada de recoñecemento ao esforzo realizado ao longo do programa formativo.
Durante o evento fíxose entrega dos diplomas acreditativos ás alumnas que superaron con éxito a formación, recoñecendo así o traballo, a constancia e a implicación demostradas durante todo o proceso de aprendizaxe. As participantes obtiveron a formación necesaria para operar drons na categoría aberta UAS A1/A3 e A2, adquirindo unhas competencias cada vez máis demandadas en ámbitos como a agricultura de precisión, a topografía, a inspección de infraestruturas, a fotografía aérea, a xestión ambiental ou a construción.
Como parte do compromiso adquirido por FEMUPO para facilitar a continuidade da súa aprendizaxe e favorecer a súa incorporación ao mercado laboral, as alumnas que superaron os exames oficiais recibiron tamén un dron, ferramenta que lles permitirá seguir practicando e desenvolver as competencias adquiridas durante o curso.
A xornada concluíu cunha demostración práctica de voo, na que as participantes puideron poñer en práctica os coñecementos adquiridos e compartir a súa experiencia coas persoas asistentes.
Desde FEMUPO destacan que esta nova edición do Proxecto Ás consolida unha iniciativa que xa se converteu nun referente na provincia de Pontevedra pola súa capacidade para romper estereotipos de xénero, impulsar o empoderamento feminino e mellorar a empregabilidade das mulleres a través da formación en novas tecnoloxías.
A Federación agradece á Deputación de Pontevedra o seu apoio e compromiso coa igualdade de oportunidades, facendo posible unha nova edición dun proxecto que continúa abrindo portas ás mulleres cara a profesións de futuro e contribuíndo á súa independencia económica e profesional.
"O Proxecto Ás demostra que a formación, a innovación e a igualdade son ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e con máis oportunidades para todas as mulleres. Cada nova edición supón un paso máis cara á eliminación das barreiras que aínda existen no acceso feminino aos sectores tecnolóxicos", afirman dende a Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO).
Con esta clausura, FEMUPO pecha unha nova edición dun proxecto que segue consolidándose como unha referencia provincial na promoción da igualdade a través da capacitación profesional, reafirmando o seu compromiso de continuar desenvolvendo iniciativas que favorezan a incorporación das mulleres aos sectores emerxentes e de alta cualificación.

Ningún comentario:
Publicar un comentario