28 de xul. de 2026

PONTEVEDRA

A Deputación distribúe esta semana preto de 30.000 gafas entre os concellos para observar a eclipse solar do 12 de agosto 

•  Xunto coas gafas tamén se repartirán mapas coa rede provincial de puntos singulares con boa visibilidade de observación da eclipse e unha guía para gozar do fenómeno con seguridade


Tanto as gafas como o mapa e a guía serán distribuídas entre os 42 concellos que forman parte da rede provincial de puntos de observación
Foto: DPO

Infogauda/Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra distribúe esta semana preto de 30.000 gafas “Baixo o Ceo das Rías Baixas” entre os concellos para observar a eclipse solar do 12 de agosto. Trátanse de gafas fabricadas en España que cumpren coa norma ISO 12312-2 para a observación solar directa. Ademais das gafas, a institución provincial tamén repartirá mapas coa rede provincial de puntos singulares con boa visibilidade de observación da eclipse e unha guía para gozar do fenómeno con seguridade.  

 Tanto as gafas como o mapa e a guía serán distribuídas entre os 42 concellos que forman parte da rede provincial de puntos de observación: A Estrada, A Caniza, A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, Catoira, Cerdedo Cotobade, Covelo, Forcarei, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meis, Mondariz, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Oia, Pazos de Bobén, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Ribadumia, Rodeiro, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.  

 En liñas xerais distribuiranse entre 100 e 1.500 gafas por concello, en función das necesidades, ademais de 200 guías (100 en galego e outros 100 en castelán) e 200 mapas (100 en galego e outros 100 en castelán) por cada localidade integrada na rede provincial de puntos de observación. Os materiais estarán tamén ao longo desta semana a disposición das persoas interesadas na oficina do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas.  

 A Deputación impulsou o pasado ano “Baixo o Ceo das Rías Baixas”, unha iniciativa coa que a institución provincial aspira a transformar a eclipse solar total do 12 de agosto nunha experiencia turística organizada e de calidade na provincia. “Baixo o Ceo das Rías Baixas” contempla unha rede de 42 puntos de observación en conexión coa paisaxe e coa identidade do territorio, desde os que se poderá gozar da eclipse, desde os momentos previos ao ocultamento ata a aparición da coroa solar durante a fase de totalidade.  

 Ademais, no marco desta iniciativa provincial organizáronse xornadas de divulgación do astroturismo dirixidas tanto a empresas do sector turístico, capacitándoas para organizar actividades seguras e divulgativas, como ao persoal técnico de turismo dos concellos da provincia, afondando na importancia das certificacións Starlight, na loita contra a contaminación luminosa e no fomento do turismo astronómico.  

 Máis alá da eclipse, a Deputación de Pontevedra quere consolidar unha oferta estable vinculada ao astroturismo. Neste sentido, estase a traballar para que enclaves patrimoniais como o Castelo de Soutomaior e o Castelo de Sobroso obteñan a certificación Starlight, un recoñecemento á calidade do ceo nocturno e ao compromiso coa súa protección. Esta certificación suporá unha oportunidade para reforzar o valor destes espazos, impulsando novas iniciativas relacionadas coa observación astronómica e promovendo un modelo de turismo sostible ligado ao patrimonio natural e cultural da provincia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario