O Rosal arroupará á Agrupación Musical no Mundial de Bandas de Kerkrade
• O Concello instalará unha pantalla grande na praza do Calvario para seguir en directo a actuación da banda nos Países Baixos o sábado, 1 de agosto ás 19.00 h
Infogauda/O Rosal
O corazón do Rosal latexará ao mesmo ritmo que a banda rosaleira, aínda que a máis de 1.800 quilómetros de distancia. O Concello instalará unha pantalla xigante na praza do Calvario para que toda a veciñanza poida seguir en directo a participación da Agrupación Musical do Rosal (AMdOR) no World Music Contest (WMC) de Kerkrade, nos Países Baixos, o certame de bandas máis prestixioso do mundo. A retransmisión terá lugar o sábado, 1 de agosto, ás 19.00 horas, coincidindo coa actuación da formación rosaleira na Concert Division, a máxima categoría da competición, na que compartirá escenario con algunhas das mellores bandas internacionais.
A cita converterase nunha auténtica festa colectiva para acompañar á AMdOR nun momento histórico. Ata os Países Baixos desprazarase unha delegación formada por 125 persoas, entre músicos, directiva, familiares e veciñanza, que arrouparán á banda nesta importante cita internacional.
Como sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, "a Agrupación Musical do Rosal leva décadas sendo unha das nosas maiores embaixadoras culturais. Ver como representa ao noso municipio nun escenario internacional desta relevancia é un motivo de inmenso orgullo para toda a veciñanza". A rexedora anima á cidadanía a vivir este momento de forma conxunta. "Queremos que toda a praza do Calvario se converta nun gran punto de encontro para acompañar á nosa banda. Aínda que a actuación sexa en Kerkrade, estamos convencidos de que o apoio e o cariño do Rosal chegarán ata o escenario. Será unha oportunidade única para compartir a emoción e demostrar que detrás da AMdOR hai todo un pobo", recalcou.
O World Music Contest de Kerkrade reúne nesta edición 252 bandas procedentes de 31 países, converténdose no maior escaparate internacional para as formacións musicais. Dentro da Concert Division, a Agrupación Musical do Rosal competirá fronte a outras doce bandas de países como os Países Baixos, Alemaña, Austria, Suíza, Portugal, Francia, Bélxica e Noruega, situándose entre a elite mundial da música para banda.
A actuación da formación rosaleira será unha das últimas da xornada do sábado e precederá á segunda sesión do concurso, que continuará o domingo antes da entrega oficial de premios.

Ningún comentario:
Publicar un comentario