A iniciativa reforza a seguridade e a protección das mulleres que percorren as rutas xacobeas
Abel Losada presenta en Nigrán a campaña Non Camiñas Soa para previr as violencias machistas no Camiño de Santiago
• Un total de 450 establecementos e servizos colaboran na difusión da campaña, que distribuíu 17.000 tarxetas e 450 carteis con información e recursos para as peregrinas
• A Garda Civil e a Policía Nacional amosan os medios e unidades que participan na protección e atención ás persoas peregrinas
Infogauda/Nigrán
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentou hoxe en Nigrán a campaña Non Camiñas Soa, unha iniciativa destinada a reforzar a protección das mulleres que percorren o Camiño de Santiago e a previr as violencias machistas nas rutas xacobeas.
Abel Losada estivo acompañado polo alcalde de Nigrán, Juan Antonio González Pérez; pola responsable da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, María José Rodríguez; polo tenente coronel da Garda Civil Óscar Grañas; e polo comisario xefe da Comisaría da Policía Nacional de Vigo-Redondela, Ramiro José Gómez García.
Durante a presentación, o subdelegado destacou que o obxectivo da campaña é que “todas as mulleres poidan percorrer o Camiño con liberdade e seguridade, sabendo que contan cunha ampla rede de recursos e profesionais preparados para atendelas ante calquera situación de risco ou emerxencia”.
Un total de 450 establecementos e servizos colaboran na difusión da campaña, entre eles farmacias, centros de saúde, albergues, oficinas de turismo e dependencias da Policía Nacional, da Garda Civil e das policías locais. Nestes puntos distribuíronse 17.000 tarxetas e 450 carteis, en castelán e inglés, con información e recursos para as peregrinas.
O material conta ademais cun código QR que permite acceder directamente aos teléfonos de emerxencias e aos recursos de atención e protección dispoñibles.
Abel Losada incidiu na importancia da prevención e da colaboración institucional para garantir a seguridade das mulleres e destacou que “a loita contra as violencias machistas require da implicación do conxunto da sociedade e dunha actuación coordinada das administracións públicas e das Forzas e Corpos de Seguridade”.
AlertCops na Credencial do Peregrino
O subdelegado lembrou que este ano o Goberno deu un novo paso coa incorporación de AlertCops á Credencial do Peregrino, achegando os servizos de emerxencia e as Forzas e Corpos de Seguridade ás persoas peregrinas dunha maneira máis directa e accesible.
A través dun código QR incorporado á Credencial, as persoas peregrinas poden descargar a aplicación, contactar coa Policía Nacional e coa Garda Civil, comunicar incidencias, enviar a súa localización en tempo real e recibir asistencia en máis de cen idiomas.
AlertCops incorpora tamén a funcionalidade Gardián do Camiño de Santiago, que permite compartir periodicamente a posición cos centros operativos das Forzas e Corpos de Seguridade para facilitar unha resposta máis rápida en caso de emerxencia.
Medios das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado
Durante o acto, a Garda Civil e a Policía Nacional amosaron diferentes unidades e medios que participan nos dispositivos de seguridade, prevención e atención ás persoas peregrinas.
Por parte da Garda Civil, participaron efectivos do Grupo de Cabalería, da Compañía da Garda Civil de Vigo, da Compañía Fiscal e de Fronteiras, co Equipo PEGASO, da Unidade de Protección da Natureza (UPRONA) e da Oficina Móbil de Atención ao Cidadán (OMAC).
A Policía Nacional participou coa Unidade de Cabalería e a Unidade de Prevención e Reacción (UPR) de Vigo. Tamén estiveron presentes efectivos da Guarda Nacional Republicana (GNR) de Portugal, que durante os meses de xullo e agosto realizan patrullas conxuntas coa Garda Civil na provincia.
Abel Losada agradeceu o “traballo, profesionalidade e compromiso permanente” dos efectivos das Forzas e Corpos de Seguridade e reiterou o compromiso do Goberno coa prevención e a loita contra as violencias machistas.
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario