9 de xul. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA INCORPORA CINCO AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL PARA REFORZAR O SERVIZO DURANTE O VERÁN 


O alcalde da Guarda con membros da Policía Local
Foto: CAG

Infogauda/A Guarda 

 O Concello da Guarda incorporou cinco auxiliares de Policía Local que prestarán servizo no municipio durante os meses de xullo, agosto e setembro, co obxectivo de reforzar a atención á cidadanía e mellorar a cobertura do servizo nunha época de maior afluencia de persoas. 

 Os cinco auxiliares incorporáronse tras superar o correspondente proceso selectivo convocado pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e completar o curso de formación impartido pola propia academia, requisito previo para o desempeño das súas funcións. 

 Grazas a estas incorporacións, a Policía Local poderá garantir unha cobertura regular dos servizos durante os meses de xullo e agosto, coa presenza destes efectivos nos turnos de luns a sábado, ambos os dous incluídos, en horario de 8:00 a 22:00 horas, e os domingos de 16:00 a 21:00 horas. 

 Este reforzo permitirá atender con maiores garantías as necesidades propias da tempada estival, caracterizada polo incremento da actividade turística, comercial e de lecer, contribuíndo á seguridade viaria, á regulación do tráfico, á vixilancia dos espazos públicos e á atención da veciñanza e das persoas visitantes. 

 "O Concello da Guarda continúa reforzando os servizos públicos durante o verán para ofrecer unha resposta axeitada ao aumento da poboación e da actividade que se rexistra nestas datas", indican desde o equipo de goberno.

Ningún comentario:

Publicar un comentario