9 de xuño de 2026

VIGO

A Inspección constata o uso discrecional da prima de beneficios de Mercadona para premiar ou castigar persoas traballadoras 

 Unha resolución tipifica como moi grave esta práctica da empresa, que vincula o cobro do bonus ao dereito a ter unha semana máis de vacacións  


Foto: CIG

Infogauda/Vigo

 A Inspección de Traballo vén de constatar o uso discrecional da prima de beneficios por parte de Mercadona na provincia de Pontevedra para premiar ou castigar persoas traballadoras e manter deste xeito o control interno sobre os cadros de persoal. Na resolución da autoridade laboral tras a denuncia presentada pola CIG tipifícase como moi grave esta práctica da empresa, que vincula o cobro do bonus ao dereito a ter unha semana máis de vacacións, polo que se lle require a establecer uns criterios obxectivos para o acceso a esta retribución e a cumprir os principios de igualdade e de respecto á dignidade. 

 O dereito a esta retribución, e posteriormente ao goce dunha semana máis de vacacións, depende da superación dunha entrevista persoal que fai a persoa coordinadora de cada centro de traballo e de ter conseguido os obxectivos persoais pactados. Mais a Inspección constatou que non existe un protocolo para a realización desta entrevista e que o grao de cumprimento destes compromisos é medida na valoración pola persoa responsábel sen que existan uns criterios obxectivos. 

 Entre os fundamentos xurídicos citados pola autoridade laboral na súa resolución atópase o recente ditame do Tribunal Supremo (TS) como consecuencia da impugnación do convenio colectivo de Mercadona por parte da central sindical, obrigando a empresa a abonar os incentivos de forma proporcional ao tempo efectivamente traballado en caso de incapacidade temporal da persoa traballadora. O TS considera xuridicamente inaceptábel que este requisito de acceso exclúa os períodos de enfermidade ao consideralo unha discriminación polo mero feito de estar doente. 

 En consecuencia, a Inspección establece que a prima de beneficios que se regula no artigo 31 do convenio non pode quedar fóra dos principios xerais do dereito, en concreto do principio de igualdade e de respecto á dignidade (convenio OIT e artigo 26 da Carta Social Europea). E lembra que esta prima debe de basearse en criterios “obxectivos, razoábeis e proporcionais” que xustifiquen o trato distinto. Resolvendo que que o estudo no que basea a resolución certifica que a valoración para o cobro ou non do bonus é realizada mediante entrevista persoal pola persoa responsábel da tenda “tendo en conta cuestións cualitativas relacionadas coa actuación profesional da persoa empregada con parámetros pouco ou nada concretos”. 

 De feito, a autoridade laboral non pode concluír que existan criterios delimitados no desenvolvemento do artigo 31, no que se fala de “obxectivos anuais persoais pactados”, “definición non concretada e parametrizada nos compromisos que pacta a empresa coa persoa traballadora, sendo estes compromisos xerais e provocando un risco evidente de discrecionalidade”. Ademais, entende que estes criterios son insuficientes para garantir unha decisión empresarial con impacto retributivo e en descanso (unha semana extra de vacacións). 

 Xa que a aprobación desta valoración xera un dereito a descanso que non está pactado convencionalmente e do que quedan “irregularmente excluídas” as persoas traballadoras que non superen a valoración. En canto á “arbitrariedade” na retribución variábel, conclúe que os criterios non son obxectivábeis por “xenéricos e parcos” e salienta o seu carácter cualitativo xa que son utilizados para medir o rendemento sobre valores “moi pouco claros” que xeran un “prexuízo desproporcionado económico e no dereito o descanso”, non estando contemplado no convenio “e engadindo carácter sancionador”. 

 Polo que lle require a Mercadona a establecer uns criterios obxectivos para regular o acceso a esta prima de beneficios e á semana máis de vacacións e a cumprir os principios de igualdade e de respecto á dignidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario