11 de xuño de 2026

CULTURA

A Deputación vai inaugurar no Museo de Pontevedra ‘Mudanza’ de Ira Lombardía, un novo diálogo contemporáneo coa colección do Museo 

• A exposición forma parte do proxecto Infiltracións, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, polo que xa pasaron antes Mónica Alonso, Alberto Baralla e Marta Pazos


O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou esta mostra cunha visita, acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, da artista e do comisario

Foto: Rafa Estévez

Infogauda/Pontevedra

 A Deputación vai inaugurar este venres, 12 de xuño ás 18:00 horas no Museo de Pontevedra a exposición ‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’. Trátase da cuarta mostra deste programa expositivo comisariado por Iñaki Martínez Antelo, no que artistas contemporáneos crean proxectos específicos en diálogo coas coleccións do Museo de Pontevedra. A artista asturiana afincada en Nova York combina fotografía, colaxe, escultura e arquitectura efémera para reflexionar sobre o concepto de desprazamento e a súa relación coa memoria. Poderase visitar nos edificios Castelao e Sarmiento ata o 25 de outubro.  

 O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, presentou esta mostra cunha visita, acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, da artista e do comisario. Domínguez explicou que “se hai un proxecto que abre as ventás do Museo é Infiltracións, porque se trata dunha interpretación artística actual do que conserva o Museo, e iso ilumínao”. O vicepresidente salientou que “esta é unha das cousas das que máis aprendo, da que máis orgulloso me sinto. Estamos facendo do Museo un espazo vivo”.  

‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’ desenvólvese nunha serie de estruturas situadas en dous puntos do Museo de Pontevedra: a primeira planta do Edificio Castelao e a segunda planta do claustro do Edificio Sarmiento. Ira Lombardía toma como eixe central a emigración para construír un proxecto que dialoga coas experiencias do tránsito, coa perda, co arraigamento e coa transformación.  

 A directora do Museo, Ángeles Tilve, detallou que na súa proposta “Ira Lombardía utiliza obras de Goya e Castelao e cunchas mariñas da colección de Casto Méndez Núñez”. Para o comisario Iñaki Martínez Antelo, este vínculo da proposta da artista coa colección vai máis alá: “ao percorrer o Museo, emerxeron cuestións vinculadas á migración, ao desprazamento, á morriña, ao exilio… Temas que quizais non sempre aparecen de maneira explícita en cada obra, pero que estaban aí”. Tamén afondou o comisario en que “un dos grandes obxectivos dun proxecto como Infiltracións ten que ver con non só mostrar obra rematada, senón estimular novas producións, acompañar artistas no desenvolvemento de traballos específicos. Este é un museo que está aberto a escoitar, a acompañar procesos e a apoiar propostas que, ás veces, non son necesariamente as máis doadas ou convencionais. E iso, sinceramente, agradécese moito”.  

 Pola súa banda a artista explicou como na súa primeira visita ao Museo hai dous anos “conectei con Santa Trahamunda”. Segundo a lenda, a monxa de Poio foi levada lonxe da súa terra e, consumida polo desexo de regresar, foi milagrosamente devolta ao lugar ao que pertencía. “Entendín moi ben a idea de morriña, de nostalxia. Preocúpame que parte de nós levamos e que parte deixamos atrás”. Ira Lombardía propón unha obra na que “contrasta a lixeireza do xesto e a densidade dos materiais, que remiten a obxectos de traslado e paredes domésticas en proceso de construción. O feltro, o papel burbulla e a gomaespuma evocan ideas de temporalidade e desprazamento, así como a fraxilidade do que se tenta preservar. Neste contexto, o fogar redefínese como algo inestable”.  

 A creadora deulle as grazas a Ángeles Tilve e Rafa Domínguez “por entender que as artistas somos axentes culturais que podemos activar os museos” e ao persoal do Museo pola súa capacidade para levar adiante un traballo desenvolvido a distancia, entre Nova York e Pontevedra.  

 Ira Lombardía (Asturias, 1977) é unha artista afincada en Nova York. O seu traballo combina instalación e escultura, fotografía, colaxe e vídeo, creando pezas de gran formato que exploran cuestións relacionadas co feminismo, coa ecoloxía e coa cultura visual contemporánea. Presentou exposicións individuais no Centro Cultural de España en México (CCEMx, Cidade de México, 2024-2025), Sector Curiosa, Paris Photo (2022) e no Museo de Arte SCAD (Savannah, Xeorxia, 2020-2021), ademais de varias colectivas. O seu traballo forma parte de importantes coleccións públicas e privadas, entre elas o Museo de Victoria e Alberto (Londres) e El Espacio 23 (Colección de Jorge M. Pérez, Miami).

Ningún comentario:

Publicar un comentario