BESTEIRO INVITA A RUEDA A “NON ENTORPECER” A TRANSFERENCIA DA AP-9 A GALICIA E A SUMARSE Á REBAIXA DAS PEAXES TAMÉN NAS AUTOESTRADAS DA XUNTA
• O secretario xeral do PSdeG chamou ao PP a votar a favor do pacto impulsado polos socialistas para o traspaso da autoestrada do Atlántico a Galicia, que o vindeiro martes se aprobará na Comisión de Transportes do Congreso e que se debaterá no seguinte pleno da Cámara baixa
Foto: Cedida
Infogauda/A Coruña
“Pedímoslle a Rueda que non entorpeza a transferencia da AP-9 a Galicia e que se sume á política de gratuidade tamén nas autoestradas que son titularidade da Xunta”. O secretario xeral do PSdeG e portavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, José Ramón Gómez Besteiro, chamou así ao PP a “rectificar” e votar a favor dese traspaso, que a Comisión de Transportes do Congreso vai aprobar o vindeiro martes, 16 de xuño, tras o pacto impulsado polos socialistas.
Así o avanzou o líder socialista esta mañá momentos antes de asistir á presentación do “Atlas urbano da sustentabilidade en Galicia”, na sede da Fundación Paideia, na Coruña. Besteiro precisou que, unha vez que a comisión lle dea o visto e prace á proposta, o debate en pleno incluirase na seguinte sesión.
O secretario xeral socialista animou a Rueda a “interceder” para que o Partido Popular non reproduza a súa posición na sesión de peche do relatorio sobre a transferencia, cando votou en contra da transferencia da man de Vox. “Pido reflexión e coherencia, que o que reclaman en Madrid tamén o fagan en Galicia”, dixo Besteiro.
Nese senso, criticou que é “absolutamente incoherente” solicitar a gratuidade das autoestradas do Estado, “pola que os socialistas xa estamos traballando case en exclusiva”, e que non se demande o mesmo para as vías de titularidade autonómica “nas que hoxe se pagan peaxes”. “E as peaxes son máis altas nesas autoestradas, tanto na do Baixo Miño como na da Costa da Morte, porque, grazas ao Goberno socialista, na AP-9 hai bonificacións de ata o 75 % para os usuarios e usuarias”, recordou.
“Abandonen esa posición de oposición xunto con Vox para que a AP-9 sexa de Galicia, porque, de non facelo, racharían o consenso que acadamos no Parlamento galego”, insistiulle Besteiro ao PP para concluír.
Ningún comentario:
Publicar un comentario