O BNG logra un acordo no Parlamento para realizar os estudos que garantan a recuperación e posta en valor do Alto dos Cubos
• Brais Ruanova reclamoulle á Xunta que asuma as súas responsabilidades e protexa este patrimonio fronte ao abandono ao que o ten sometido
Infogauda/Tui
O deputado do BNG, Brais Ruanova acadou un acordo no Parlamento para realizar os estudos que sexan precisos para garantir a recuperación e posta en valor do Alto dos Cubos, enterrado no 98% da súa totalidade. Esixiulle á Xunta de Rueda que asuma a súa responsabilidade e adopte medidas urxentes para protexer e conservar este xacemento arqueolóxico clave para coñecer a nosa historia e a de Tui.
Afirmou que a Xunta pode actuar subsidariamente e despois “pasarlle factura a quen sexa” porque “é o máximo responsable para protexer e poñer en valor o noso patrimonio”, recalcou.
Despois de escoitar os argumentos do PP, Ruanova replicoulle que “está moi ben que digan que o goberno sinaliza e ten un diálogo constante, pero a realidade é que –a Xunta– non moveu un dedo nin un papel para protexer efectivamente este espazo”, afirmou. Recordoulle neste punto aos populares que o espazo ten os muros das vivendas caendo, ao igual co os da muralla, que non conta cun contexto histórico ou etnográfico que o ligue co resto de castros que hai na beira do Miño nin ao espazo que o está ocupando, e polo tanto “non é un labor de protección efectiva”, advertiu.
O deputado nacionalista pediu coherencia no voto, recordándolle que en Tui, o PP votou a favor de conservar e protexer o castro. “Se vostedes aquí queren votar en contra e desacreditar ao Partido Popular no Concello de Tui, poden facelo, pero a mensaxe que lle están lanzando ao conxunto da veciñanza é que non lles importa nada o que pasa”, manifestou, engadindo que botou de menos que estivese na Comisión o deputado do PP de Tui.
Finalmente, o PP votou a favor da iniciativa do BNG.
Na súa exposición de motivos, Ruanova defendeu que o castro do Alto dos Cubos “non é un montículo de pedras esquecido, é un testemuño vivo da nosa prehistoria, da nosa cultura castrexa, da nosa identidade como pobo. Non podemos esperara a que unha raíz máis, unha tormenta ou o paso do tempo o derrube”, advertiu.
O deputado nacionalista amosou varias fotografías que constatan o estado actual deste ben patrimonial, coñecido tamén como Cabeza de Francos, nas que só se podía aprezar o 2% do castro. Denunciou que , desde a última campaña de consolidación en 1997, non houbo ningún traballo sistemático de mantemento e que as ameazas sobre o xacemento se multiplicaron: cuberta arbórea con piñeiros e acacias invasoras que desestabilizan os muros, unha pista forestal aberta nos anos oitenta que arrasou estruturas no antecastro, ou espolio continuado por particulares con detectores de metais.
Alertou así mesmo que unha soa tormenta ou a caída dunha árbore podería arrastrar seccións enteiras da muralla ou das vivendas xa exhumadas.
É por iso que a iniciativa do BNG pedía a retirada urxente e técnica da vexetación arbórea de todo o conxunto, baixo asesoramento arqueolóxico e coas autorizacións de Patrimonio. Tamén, a consolidación inmediata das tres vivendas exhumadas e do tramo de muralla da coroa, a instalación de sinalización in situ con paneis informativos e códigos QR, e adaptación da Casa Forestal do parque natural como centro de interpretación.
Así mesmo, o Bloque reclamaba o inicio de campañas de escavación sistemáticas en colaboración coa Universidade e con financiamento da Xunta, Deputación, Concello e Entidade Local Menor.
Por último, os nacionalistas pedían tamén a exploración de fórmulas de micromecenado e participación cidadá e o inicio dos trámites para a declaración do xacemento do Ben de Interese Cultural (BIC), como máxima protección xurídica da lexislación galega que garantiría recursos estables e plans de conservación a longo prazo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario