29 de maio de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Jazmín Mendoza non continuará no Guardés a próxima tempada 

Despois de dous anos no equipo baixomiñoto, a extremo paraguaia abandona A Guarda para comezar un novo capítulo na súa carreira deportiva 

A internacional chegou ao Club en 2024, demostrando desde entón un gran crecemento deportivo e sendo clave como goleadora desde o extremo 

Mendoza é a primeira baixa anunciada polo club guardés para a súa próxima tempada 


Jazmín Mendoza 
Foto: J.L. Recio

Redacción Deportes/A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés comeza a desvelar os cambios no seu persoal para a próxima tempada. A extremo paraguaia finaliza o seu paso polo equipo baixomiñoto despois de dous anos e inaugurará un novo capítulo na súa carreira deportiva a partir do curso que vén, converténdose na primeira saída que o Club anuncia para o seu proxecto 2026/2027. 

 Mendoza chegou ao Guardés en 2024 procedente do San José Obrero de División de Honra Oro e con apenas 22 anos. En pouco tempo converteuse nun dos principais efectivos do equipo baixomiñoto desde o extremo, achegando o seu potencial goleador e rapidez e chegando a ser clave en ocasións vitais; sendo autora por exemplo do lanzamento in extremis que deu ao conxunto a clasificación a semifinais da EHF European Cup que acabou conquistando a pasada semana.  

 Nestes dous anos da man, a internacional foi moi valiosa para o Club e puido crecer na Guarda como deportista e como persoa, polo que o Guardés sempre agradecerá o seu papel no equipo e todo o vivido xuntos. Despois desta etapa de crecemento para ambos, a de Asunción finaliza a súa estancia na vila baixomiñota e diríxese a un novo capítulo na súa carreira deportiva. Jazmín contou que estes dous cursos foron “dous anos moi bonitos e intensos”, e que chegou por primeira vez ao Mecalia “coa ilusión de volver competir en División de Honra, pero sen saber todo o que se viña por diante”. Coroada como campioa europea e con todo o aprendido debaixo do brazo, a extremo quixo ter unhas últimas palabras de agradecemento “ao Club, por abrirme as portas”, así como “a toda a xente do pobo polo apoio que me deron desde o día un”.  

 O Mecalia Atlético Guardés agradece igualmente a Jazmín Mendoza polo gran traballo e as vivencias destes dous anos e deséxalle o mellor para o seu futuro tanto deportivo como privado, no que volverán atoparse sobre as pistas. Mendoza forma parte dos grandes éxitos cultivados ultimamente polo equipo e xuntos comparten a fazaña alcanzada esta tempada, algo que os unirá sempre aínda que agora deban separarse. Ata sempre, Jaz! 

 Mendoza é a primeira baixa confirmada no persoal para a próxima tempada 2026/2027. Polo momento, só transcendeu ademais a saída de Ana Seabra a cargo do corpo técnico e a continuidade de Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, María Palomo e Ania Ramos. Nos próximos días iranse concretando os demais detalles sobre o proxecto para o curso vindeiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario