O PP DE TUI PROPÓN UNHA BAIXADA DO 25% NO IMPOSTO DE OBRAS PARA FAVORECER A CONSTRUCIÓN E REHABILITACIÓN DE VIVENDAS E EVITAR A DESVANTAXE COS CONCELLOS DA CONTORNA
Os populares presentan unha moción para que o tipo impositivo baixe do 4% ao 3% do orzamento de execución material, posto que hai unha fiscalidade excesiva nas casas unifamiliares de ata 15.000 euros
A formación liderada por Nico Montes tamén cursa outra proposta para reclamar unha auditoría externa do departamento de Urbanismo ante os importantes retrasos na tramitación das licenzas
Infogauda/Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de presentar unha proposta de baixada do 25% no Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) co obxectivo de favorecer a construción e rehabilitación de vivendas e o desenvolvemento doutros proxectos urbanísticos e para corrixir a importante desvantaxe competitiva que sufren os veciños en comparación cos dos demais concellos da contorna, que teñen unha fiscalidade moito máis asequible.
Así, os populares, que formalizaron esta medida a través dunha moción que se debaterá no pleno do xoves, solicitan que o tipo impositivo do ICIO se reduza do 4% ao 3% do orzamento de execución material para favorecer a dinamización económica, a rexeneración urbana, o fomento do investimento produtivo e o acceso á vivenda nun momento no que é a principal necesidade e demanda da cidadanía.
O PP tudense indicou que a situación fiscal deste imposto “está a xerar unha importante preocupación” entre técnicos, promotores e veciños que constrúen ou reforman as súas propias casas, posto que teñen que tributar, en termo medio, entre 10.000 e 15.000 euros polas obras, mentres que nos municipios veciños rolda os 6.000 euros. Neste senso, concretaron que, mentres o tributo de Tui está fixado no 4%, en municipios como O Porriño ou Gondomar sitúase no 2,2% e o 2%, respectivamente.
O voceiro municipal, Nico Montes, lembrou que esta medida é “moi necesaria” non só para corrixir as importantes diferenzas fiscais cos demais concellos, senón tamén para axudar ás familias e promotores tras o forte aumento de custes dos seis últimos anos: “Entre unhas cousas e outras facer ou rehabilitar unha casa en Tui estase a facer imposible, polo que cremos que esta rebaixa fiscal compensaría parcialmente o aumento dos prezos e melloraría a viabilidade económica dos proxectos a prol da xente”.
Por outra banda, o PP de Tui tamén levará a pleno outra proposta para a realización dunha auditoría externa e independente do Departamento de Urbanismo para analizar as operacións e procesos, a organización interna e a provisión de recursos materiais e persoais, así como os tempos de resolución co fin de desenvolver un plan de accións corretoras, posto que o actual funcionamento é susceptible de melloras.
Neste senso, os populares tudenses revelaron que Urbanismo leva tempo a experimentar continuos retrasos na tramitación das licenzas de obras, co conseguinte prexuízo para veciños, emprendedores e promotores, e ocasiona un efecto directo de paralización ou ralentización de proxectos residenciais ou empresariais que deberían desenvolverse con maior axilidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario