Tui celebrará este sábado o Día do Mercado coa reapertura do seu espazo gastronómico
O cociñeiro Stefano Quarta ofrecerá unha degustación gastronómica a base de produtos do mercado como adianto do novo proxecto “AlDente” que o luns abrirá ao público
Infogauda/Tui
O Mercado de San Antonio vivirá este sábado unha xornada festiva arredor do produto local, o comercio de proximidade e a gastronomía coa celebración do Día do Mercado.
Nesta data o Concello de Tui súmase á campaña impulsada pola Xunta de Galicia “Quere o teu mercado”, unha iniciativa de dinamización dos mercados municipais que busca reivindicar estes espazos como referentes do comercio local, da alimentación de calidade e da vida social das vilas e cidades.
O obxectivo é poñer en valor a calidade dos produtos de proximidade, o traballo dos praceiros e praceiras e a capacidade dos mercados municipais para combinar tradición, innovación e emprendemento local, pondo en valor a calidade do produto fresco e de proximidade que diariamente ofrecen os seus postos, así como a atención profesional e personalizada dos praceiros e praceiras, que xogan un papel fundamental na praza de abastos tudense.
Este sábado dende primeira hora da mañá as persoas que se acheguen até o Mercado serán obsequiadas con bolsas e mandís promocionais da campaña autonómica "Quere o Teu Mercado", remitidos pola Xunta de Galicia.
A partir das 12 h, en colaboración co Concello de Tui, o chef Stefano Quarta ofrecerá unha degustación de elaboracións realizadas con produtos do propio mercado, permitindo ao público coñecer un adianto do que será a proposta gastronómica que ofrecerá xunto a María Purificación Correa, en "AlDente" o novo espazo gastronómico do mercado que o luns abrirá as súas portas ao público.
Esta iniciativa pretende reforzar o papel do mercado municipal como espazo vivo, moderno e dinámico, capaz de combinar tradición, innovación, emprendemento e promoción da gastronomía local.
A concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, destaca que “o Día do Mercado é unha oportunidade para recoñecer o traballo diario dos praceiros e praceiras, que ofrecen un produto de gran calidade e unha atención próxima e profesional que fan do Mercado de San Antonio un referente comercial e social en Tui”.
Desde o Concello de Tui anímase á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse este sábado ao Mercado de San Antonio e participar nunha xornada de celebración arredor do comercio local, da gastronomía e dos produtos de proximidade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario