19 de maio de 2026

TOMIÑO

A Deputación visita en Tomiño a Asociación Vontade e enxalza a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que este ano achega 210.000 € para o fomento da accesibilidade

   Esta liña de axudas do organismo provincial está destinada a entidades sen ánimo de lucro e ten por obxectivos mellorar a accesibilidade desde unha perspectiva integral


A deputada provincial Paula Bouzós nun momento da súa visita as persoas usuarias e as instalacións da Asociación Vontade, en Tomiño

Foto:DPO

Infogauda/Pontevedra

 A deputada provincial Paula Bouzós acaba de visitar as instalacións da Asociación Vontade, en Tomiño, onde puxo en valor a utilidade das axudas do programa Provincia +Inclusiva, que neste 2026 vai repartir 210.000 euros entre entidades para fomentar a accesibilidade universal. Esta liña de axudas do organismo provincial está dirixida a entidades sen ánimo de lucro para a mellora da accesibilidade desde unha perspectiva integral e a promoción da participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.  

 A deputada provincial aproveitou a visita para facerlles entrega da placa que distingue á asociación como beneficiaria da última edición de Provincia +Inclusiva. No marco desta liña de axudas, a entidade recibiu preto de 6.800 euros para o proxecto Hortoterapia, que consistiu na adaptación dunha horta para convertela en accesible a todas as persoas. Para iso, coa achega adquiríronse bancais cunha elevación entre 60 e 80 centímetros de altura, así como un peche metálico á fin de restrinxir o acceso á horta e asegurar que o chan permanecerá en boas condicións para a circulación de cadeiras de rodas. Unha actuación que contribuíu a mellorar tanto o estado físico como o emocional e social das persoas usuarias, a través do traballo en equipo e a creación de vínculos relacionais durante a organización das tarefas da horta.  

 Os recursos da liña de axudas Provincia +Inclusiva, que medraron case un 17% con respecto ao 2024, están dirixidos ás entidades sen fins de lucro da provincia que poderán recibir ata un máximo de 10.000 euros para subvencionar desde obras de mellora da accesibilidade nas súas instalacións, ata os de redacción de proxectos técnicos para executar estas obras, ou de adquisición de sistemas de comunicación ou outros relacionados coa mobilidade e o coidado persoal.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario