29 de maio de 2026

TOMIÑO

Tomiño acollerá unha xornada dos ‘Petiscos IKFEM’, unha expereincia cultural entre viñedos, patrimonio e música en directo  

•  Será o 20 de xuño cun encontro literario ás 12 horas, con Chus Pato e Oriana Méndez no Centro Goianés, e concerto de Manuel Luque Quartet ás 20 horas, nos viñedos de Altos de Torona  

•  Unha actividade organizada polo IKFEM Festival Tui-Valença en colaboración co Concello como antesala da 14ª edición deste festival transfronteirizo  


A alcaldesa de Tomiño, representantes da organización do IKFEM Festival Tui-Valença, e do Grupo HGA, na presentación dos “Petiscos IKFEM”
Foto: CT

  

Infogauda/Tomiño 

 O IKFEM Festival Tui-Valença presenta os “Petiscos IKFEM”, dous eventos especiais no mes de xuño que servirán de antesala á 14ª edición do festival transfronteirizo. Unha destas citas será en Tomiño e contará coa colaboraciónd o Concello para converter o Baixo Miño nun escenario onde literatura, música, viño, gastronomía e patrimonio dialogarán nun formato íntimo e experiencial pensado para todos os públicos. 

 A programación reunirá o 20 de xuño algunhas das voces máis destacadas da creación contemporánea galega e estatal. A poeta Chus Pato, Premio Nacional de Poesía 2024 e referente internacional da literatura galega contemporánea, protagonizará un  encontro literario coa escritora Oriana Méndez aberto ao público con entrada de balde. Será ás 12.00 horas nun espazo patrimonial cargado de simbolismo como o Centro Goianés que rematará cun recital poético acompañado de música instrumental. 

 O ciclo tamén reivindica a música en directo como experiencia sensorial e emocional, coa presenza en Tomiño dun proxecto musical de enorme personalidade, o ML Quartet, unha das formacións emerxentes máis prometedoras do novo jazz estatal e gañador do Concurso de Juventudes Musicales de España. A experiencia terá lugar na adega Altos de Torona, que abrirá as portas dos seus viñedos e espazos históricos para ofrecer visitas guiadas e catas comentadas, convertendo o viño e a paisaxe en parte esencial desta proposta cultural. O concerto de jazz comezará ás 20 horas e rematará cunha cata de viño posterior, aínda que as persoas interesadas poderán realizar unha visita guiada previa aos viñedos para coñecer o traballo desta adega ás 19.00 h. O prezo da entrada é de 20 euros e pode adquirirse en www.ikfem.com e Ataquilla.  

 Con “Petiscos IKFEM”, este festival transfronteirizo reforza a súa identidade como proxecto que traza pontes entre disciplinas, territorios e sensibilidades artísticas, levando o espírito IKFEM a novos espazos bañados polo Miño. Os “Petiscos IKFEM” nacen como pequenos aperitivos culturais que quentan motores para o festival de verán, apostando pola proximidade co público e pola creación de experiencias únicas arredor da arte e do territorio. 

 O IKFEM Festival Tui-Valença é hoxe unha das citas culturais máis singulares da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Consolidado ao longo de catorce edicións consecutivas, o festival desenvolve concertos e actividades en espazos patrimoniais e paisaxísticos emblemáticos de Tui e Valença convertendo a música e a cultura nunha ferramenta de encontro entre linguas, tradicións e creación contemporánea. A súa 14ª edición terá lugar na Eurocidade Tui-Valença do 16 ao 19 de xullo.   

Chus Pato 

(Premio Nacional de Poesía 2024) Natural de Ourense, é autora de doce poemarios, publicados entre 1991 e 2023, polos que recibiu varios galardóns como o Premio da crítica de poesía galega, en  dúas ocasións o Losada Diéguez, o Premio da Irmandade do libro,  o Clara Campoamor ou o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Creación literaria. Destacamos a pentaloxía Decrúa, antes método que inclúe m-Talá, Charenton, Hordas de escritura, Secesión e Carne de Leviatan e tamén o seu último libro Sonora que se alzou co Premio Nacional de Poesía. Sete dos seus libros foron traducidos ao inglés por Erin Moure e publicados en Gran Bretaña, USA e Canadá; outros en países como Arxentina, Portugal, Holanda, Bulgaria, Francia e Chile; do mesmo xeito seleccións dos seus poemas foron traladados  ao catalán, éuscaro, polaco, árabe clásico, francés, romanés, ruso, eslovaco, alemán, esloveno, alemán e italiano. A súa obra foi recollida en decenas de antoloxías nacionais e internacionais. Participou en múltiples festivais tanto no continente americano como en Europa, África e Asia. O 23 de setembro do 2017 ingresou como membro de número na Real Academia Galega.  

ML Quartet (Jazz) 

 A súa música amosa influencias do jazz moderno e a música improvisada, con pinceladas de folklore tradicional e flamenco, das que se vale para desenvolver as diferentes cores e formas que toman as composicións. Cun gran dinamismo e empatía entre músicos novos e novas, os seus concertos crean unha viaxe donde a audiencia se mergulla en variados espazos sonoros, onde músicos interactúan e improvisan buscando a súa versión máis honesta. Desta maneira cada oportunidade de compartir a súa música en vivo convértese nunha experiencia única e irrepetible. 

 ML Quartet xurde da necesidade de Manuel Luque de crear un espazo onde compartir as súas historias a través de composicións e desenvolver un son conxunto, inspirado pola escena vibrante e diversa da cidade de Barcelona. O seu álbum debut, Cicatrices, publicado en xaneiro de 2024 (Temps Records) é un traballo de cancións dedicadas a diversas experiencias vividas e a aprendizaxe destas, a celebración dos momentos adversos e a reflexión sobre o impacto do pasado no presente e futuro. En 2024, acadou o II Premio na 110ª da convocatoria do prestixioso Concurso Juventudes Musicales de España, na modalidade de Jazz.  

Intérpretes: 

Manuel Luque - Contrabaixo 

Joan Martí i Devesa - Saxofón 

Vicente Marín - Piano 

Lluís Pérez-Villegas - Batería  

Viñedos Altos de Torona (Grupo HGA) – Tomiño

 A tradición vitivinícola da familia Gómez comeza hai máis de 30 anos na súa casa da infancia no Rosal (Galicia) … Pero a súa paixón polo viño consolídase anos máis tarde, cando no 2002 funda o seu primeiro proxecto adegueiro en familia: Adegas Altos de Torona. Hoxe en día, na súa terceira xeración, mantén o respecto pola tradición e o interese pola innovación no coidado da viña para o que seguen prácticas respectuosas co medio ambiente, a conservación do chan e a paisaxe.  

 Coas súas 94 hectáreas, o de Altos de Torona é o maior viñedo dunha soa peza na nosa contorna. A súa superficie e a nosa filosofía empeñada no desenvolvemento sostible en todos os nosos procesos, propiciou o asentamento dunha riqueza biolóxica extraordinaria, un obxecto de desexo para zoólogos e botánicos no que múltiples especies participan ao seu xeito no carácter final dos nosos viños. Este espazo é o hábitat de 91 especies de plantas e 71 de animais, que non deixan de ser ingredientes de todo o proceso que enriquece á vide desde as súas raíces, mostrando saúde e integración na Natureza. 

 Altos de Torona pertence ao gran grupo HGA Bodegas. Neste concerto descubriremos co jazz un viñedo único, onde natureza, tradición e innovación danse a man.

Ningún comentario:

Publicar un comentario