NICO MONTES COMPROMÉTESE CUNHA REVISIÓN XERAL DOS IMPOSTOS DE TUI DESPOIS DE QUE PSOE E BNG IMPEDIRAN EN PLENO A BAIXADA DO ALTÍSIMO TIPO DO ICIO
• O voceiro municipal do PP lamenta a “escasa empatía e sensibilidade” cos veciños cunha “carga fiscal desorbitada” e que paralicen o mercado da vivenda malia ser unha das principais demandas da xente
• Anuncia que o PP seguirá traballando para diminuír os tributos locais, tras lembrar tamén os máis de 150 euros que se pagan polo lixo, “con accións neste mandato ou como proposta dun futuro goberno”
Infogauda/Tui
O voceiro municipal do PP de Tui, Nico Montes, anunciou onte no pleno o seu compromiso de aprobar unha revisión xeral á baixa dos impostos do Concello despois de que PSOE e BNG impediran onte no pleno a aprobación da moción popular na que se pedía a diminución do tipo do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) do actual 4% ao 3% do orzamento de execución material de cada obra.
En primeiro lugar, o concelleiro popular lamentou a “escasa empatía e sensibilidade” de socialistas e nacionalistas cos veciños por ter asfixiados aos contribuíntes cunha “carga fiscal desorbitada”, xa que lembrou que ao tipo do ICIO, que é o máis elevada de entre os concellos da zona, hai que engadir que neste mandato a taxa do lixo subíuse como ningún outro sitio por riba dos 150 euros anuais por vivenda.
Ademais, engadíu que esta medida, ademais de ter un afán eminentemente recadador sobre os petos dos tudenses, tamén paraliza moito o mercado da vivenda e dificulta construcións de casas novas, rehabilitacións e promocións de pisos malia ser unha das principais demandas da xente.
“O Porriño e Gondomar, por poñer dous exemplos, teño fixado o tipo do ICIO arredor do 2% e por iso teñen un dinamismo de construción residencial do que Tui carece por completo, o que nos aboca a unha paralización xeralizada derivada, principalmente, da intención das forzas de esquerda de cobrar moito absolutamente por todo”, manifestou o edil do PP.
Nico Montes cre que a proposta de baixar o ICIO nun 25% e fixalo nun tipo do 3% é “máis que razoable”, xa que se axusta ao que cobran a meirande parte dos concellos medianos da provincia e evitaría que os tudenses tivesen que pagar, en termo medio, entre 10.000 e 15.000 euros por este imposto á hora de facer ou rehabilitar unha vivenda.
Ante esta situación, o voceiro popular lamentou a “actitude obstruccionista” de PSOE e BNG e anunciou que o PP vai seguir traballando e propoñendo unha rebaixa xeral de impostos, “porque en Tui pagamos como en ningún sitio, e ademais demasiado para os cativos servizos que se prestan desde o Concello”. Neste senso, recalcou que seguirán solicitando esta medida de alivio fiscal “con accións políticas no que resta de mandato” e, en todo caso, tamén se comprometerán á aprobación da mesma “como proposta prioritaria dun futuro goberno a partires de 2027”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario