27 de maio de 2026

TOMIÑO

Tomiño abre as páxinas da creatividade cun obradoiro para facer fanzines dende cero  

• O Concello organiza no mes de xuño un taller práctico no Espazo Isaura Gómez no que as e os participantes aprenderán a crear a súa propia autopublicación   


Ao remate do obradoiro, cada participante levará consigo unha copia do seu primeiro fanzine e tamén o orixinal artesanal para poder reproducilo posteriormente

Foto:CT

Infogauda/Tomiño

 Tomiño converterase este mes de xuño nun pequeno laboratorio de autoedición co obradoiro de fanzines da OMIX, unha proposta pensada para explorar a creatividade a través dun dos formatos máis libres e alternativos da cultura contemporánea. O taller desenvolverase os venres 5, 12, 19 e 26 de xuño en horario de 18.00 a 20.00 horas no Espazo Isaura e permitirá ás persoas participantes aprender todo o proceso de creación dun fanzine: desde a idea inicial ata a elaboración manual da publicación final. 

 Durante as sesións dirixidas por Diego Estebo traballarase a elección da temática, a elaboración de bosquexos, a distribución dos contidos e a creación de textos e ilustracións, utilizando materiais sinxelos como lapis, rotuladores, tesoiras, pegamento e papel. Ao remate do obradoiro, cada participante levará consigo unha copia do seu primeiro fanzine e tamén o orixinal artesanal para poder reproducilo posteriormente. 

 A actividade está aberta a persoas afeccionadas aos cómics, á música, á literatura, á arte urbana ou a calquera outra expresión creativa, sen necesidade de contar con coñecementos previos nin ferramentas dixitais. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “este tipo de iniciativas permiten ofrecer á mocidade espazos reais de expresión e creación, fomentando a participación cultural desde formatos libres, accesibles e moi vinculados á creatividade xuvenil”. A rexedora sinalou ademais que “os fanzines forman parte dunha cultura alternativa que segue moi viva e que conecta perfectamente coa necesidade da mocidade de contar, compartir e crear as súas propias historias”. 

 O taller terá un prezo de 20 euros e contará con prazas limitadas. As inscricións xa poden realizarse a través da web municipal. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario