SEGUE ABERTA A NOVA CONVOCATORIA DAS AXUDAS APROL ECONOMÍA SOCIAL QUE O ANO PASADO DEIXARON MÁIS DE 2 MILLÓNS DE EUROS NAS SOCIEDADES E COOPERATIVAS DA PROVINCIA
• A convocatoria do ano pasado beneficiou a preto de 130 entidades da provincia de Pontevedra
• As axudas poden solicitarse ata o 16 de setembro
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da empresa Motomiño, no concello de Tomiño
Foto:XG
Infogauda/Tomiño
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as instalacións da empresa Motomiño, no concello de Tomiño, con motivo das axudas Aprol Economía-Social.
Esta empresa foi unha das beneficiarias da convocatoria do pasado ano, recibindo unha achega de 18.000 euros pola incorporación de dúas persoas con carácter indefinido. Estas axudas teñen como obxectivo facilitar a achega das persoas socias ao capital social e reforzar o emprendemento no eido da economía social, favorecendo a incorporación estable de persoas ás cooperativas e sociedades laborais.
Cabe destacar que na pasada convocatoria preto de 130 entidades da provincia de Pontevedra se beneficiaron desta iniciativa por un importe total superior aos 2 millóns de euros.
Durante a visita, o delegado territorial destacou a importancia de continuar impulsando fórmulas de economía social que contribúan á creación de emprego estable e ao fortalecemento do tecido empresarial local. “As cooperativas e sociedades laborais son un exemplo de emprendemento colectivo e compromiso co territorio que xeran oportunidades laborais de calidade e contribúen ao desenvolvemento económico dos nosos concellos”, sinalou.
A nova convocatoria está dotada cun crédito inicial de 5 millóns de euros para toda Galicia. Con esta iniciativa, a Xunta busca promover o emprego e o emprendemento nas cooperativas e sociedades laborais ao tempo que contribúe a fixar poboación no rural. Deste xeito, prevese impulsar a incorporación de máis de 340 persoas como socias nunhas 160 cooperativas e sociedades laborais en toda a comunidade.
O programa conta con dúas liñas compatibles entre si. A primeira contempla axudas directas ás cooperativas e sociedades laborais para a incorporación de novas persoas socias, prioritariamente desempregadas. A segunda diríxese ás persoas que se incorporen como socias a estas entidades tras manter un contrato indefinido ou iniciar como socias a estas entidades tras manter un contrato indefinido ou iniciar unha actividade por conta propia.
En ambas liñas existen incrementos acumulables do 25% cando as persoas beneficiarias son mulleres, persoas con discapacidade, maiores de 45 anos, emigrantes retornadas ou persoas trans. Tamén se aplican incrementos ás entidades situadas en contornas rurais, ás cooperativas xuvenís e ás de nova creación con catro ou máis persoas socias. A aplicación de todos estes incentivos pode elevar a contía máxima da axuda ata os 19.500 euros por persoa.
As entidades e persoas interesadas en acceder a estas achegas poden consultar os requisitos na orde publicada no DOG. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 16 de setembro de 2026.
Cómpre lembrar que entre os anos 2017 e 2025 a Xunta apoiou a incorporación de preto de 7.000 persoas socias a cooperativas e sociedades laborais mediante un investimento próximo aos 38 millóns de euros, contribuíndo ao fortalecemento da economía social en Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario