Oia converterase esta fin de semana nun gran punto de encontro para a cultura, a creación e a convivencia co festival 6x6
• A cita reúne teatro veciñal, artes escénicas, audiovisual, música e artesanía
Infogauda/Oia
Diversas rúas, prazas e espazos de Oia volverán encherse de arte, música, teatro, artesanía e participación veciñal coa celebración dunha nova edición do festival 6x6 Punto de Encontro, que terá lugar esta fin de semana e que chega xa á súa novena edición convertido nun dos grandes referentes culturais do municipio.
Baixo o lema “Oia, unha porta entre a montaña e o mar”, a cita deste ano propón unha viaxe creativa arredor da identidade local, do vínculo entre a Serra da Groba e o océano Atlántico e da relación entre territorio, memoria e comunidade. Organizado polo Concello de Oia e a asociación cultural Lévedo, baixo a dirección de A Artística Teatro e Danza (Alfredo Rodríguez), o festival volverá apostar pola creación colectiva e polo protagonismo da veciñanza.
A edición de 2026 chega con importantes novidades, como a ampliación da programación a dúas xornadas (sábado e domingo), a incorporación de novos espazos culturais e a participación de diferentes grupos de teatro do municipio.
A programación arrancará o sábado, 30 de maio ás 20.00 horas no recentemente rehabilitado Espazo Oia, no antigo mercado municipal, cunha sesión protagonizada polo talento local. A xornada abrirase coa música da intérprete Gloria Rodríguez Gil e o tenor José Antonio Campo; continuará cun concerto das Pandeireteiras de Burgueira e rematará coa proxección do audiovisual “Novas Cantigas Oienses”, de Ana Belén Jarrín e Nacho Álvarez, unha peza construída a partir das voces, lembranzas e historias da veciñanza.
O Arrabal encherase de vida o domingo
O domingo 31 será o barrio histórico do Arrabal o que se transforme nun gran escenario aberto á cultura e á convivencia, cun programa pensado para todos os públicos.
A partir das 12.00 horas abrirá o mercado de artesanía coordinado por Fe González, onde o público poderá descubrir e adquirir creacións artesanais e produtos locais.
Media hora despois, ás 12.30 horas, proxectaranse os traballos realizados polo alumnado do obradoiro de fotografía impartido por Ana Belén Jarrín, unha mostra que permanecerá visible ao longo de toda a xornada.
A mañá culminará ás 13.00 horas co espectáculo de rúa “Ghappening”, da compañía N+1, unha proposta escénica baseada na improvisación, participación e multidisciplinariedade que transformará os espazos e a interacción co público nunha sorprendente experiencia artística.
Xa pola tarde, ás 17.00 horas terá lugar a mostra final do obradoiro de teatro infantil, que este ano presentará unha adaptación libre de “O Principiño”, interpretada polo alumnado xunto coa actriz Xoana Baz.
O peche da programación terá lugar ás 18.30 horas na praza Centinela co acto central da xornada: a gran mostra de teatro veciñal “Oia, unha porta entre a montaña e o mar”. Dirixida por Alfredo Rodríguez, contará coa participación das artistas Silvia Penas, Mónica de Nut, Elsa Pereira, Olga Cameselle e Nacho Álvarez.
Nesta edición, o alumnado do obradoiro de teatro veciñal compartirá escenario cos grupos locais “As 10 patas do banco” de Pedornes, e “O Mellor de Cada Casa” de Viladesuso, reforzando así o carácter colectivo, participativo e comunitario dun festival que converte a cultura nun espazo de encontro aberto a toda a veciñanza e visitantes.
A organización do evento anima a participar nesta fin de semana chea de creatividade, convivencia e talento local, nunha proposta que fai da cultura unha forma de compartir, construír comunidade e celebrar a identidade do territorio.

Ningún comentario:
Publicar un comentario