O Rosal recupera a arte de deixar pegada nos libros cun novo Obradoiro de Primavera
• Aberta a inscrición para participar no taller de impresión exlibris con Papelier o sábado 6 de xuño. Prazas limitadas
Infogauda/O Rosal
O Concello do Rosal enche de historia e entidade propia as páxinas dos libros no seu novo Obradoiro de Primavera, que estará dedicado á impresión artesanal de exlibris, unha tradición centenaria que converte cada exemplar nun obxecto único. A actividade celebrarase o sábado 6 de xuño de 11.00 a 14.00 horas na Casa de Oficios e estará impartida por Papelier. Durante a sesión, as persoas participantes poderán achegarse ao mundo da impresión manual aprendendo a deseñar e elaborar o seu propio cuño personalizado para marcar libros cun selo artístico e singular.
Como sinalou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “os Obradoiros de Primavera están a converterse nun espazo de encontro arredor da creatividade, da aprendizaxe e da participación, ofrecendo propostas diferentes e accesibles para toda a veciñanza”. A rexedora salientou ademais que “apostamos por actividades que conectan tradición e innovación, recuperando técnicas artesanais ao tempo que fomentamos novas formas de expresión cultural”.
Pola súa banda, o concelleiro de Xuventude, Alejandro González, puxo en valor “unha programación pensada para promover un lecer activo e creativo, especialmente entre a mocidade. Queremos ofrecer experiencias que esperten a curiosidade, o talento e as ganas de aprender facendo, e este obradoiro é un bo exemplo desa filosofía”.
A iniciativa forma parte da programación de Obradoiros de Primavera impulsada polo Concello do Rosal, unha proposta pensada para fomentar actividades formativas, culturais e creativas que impulsen o talento, a participación e o lecer activo.
O taller contará con prazas limitadas para 15 persoas, con prioridade para persoas menores de 30 anos, e terá un prezo de 12 euros. As persoas interesadas xa poden formalizar a súa inscrición a través da ligazón habilitada polo Concello.
Ningún comentario:
Publicar un comentario