29 de maio de 2026

O ROSAL

A voz da mocidade rosaleira chega a Santiago para falar de benestar dixital   

•  Elda, integrante de Forgaric@s participou nas xornadas organizadas por UNICEF para debater sobre os dereitos dixitais da mocidade  


Elda, integrante do grupo de participación rosaleiro Fogaric@s, deu voz a infancia e mocidade ao ser escollida para participar nas xornadas ‘Infancia, adolescencia e benestar dixital en Galicia’ de UNICEF celebradas en Santiago de Compostela

Foto:COR

Infogauda/O Rosal 

 As pantallas forman parte da vida diaria da infancia e da adolescencia, pero detrás delas tamén hai preguntas, preocupacións e dereitos que a mocidade reclama poder debater e construír. Nese espazo de reflexión, Elda, integrante do grupo de participación rosaleiro Fogaric@s, deu voz a infancia e mocidade ao ser escollida para participar nas xornadas ‘Infancia, adolescencia e benestar dixital en Galicia’ de UNICEF celebradas en Santiago de Compostela. 

 A moza participou na mesa de diálogo ‘A voz da rapazada galega’, nun encontro no que puido compartir a visión da xente nova arredor do impacto das tecnoloxías, as redes sociais e os dereitos dixitais na vida cotiá da infancia e adolescencia. Elda asistiu en representación da mocidade galega e das e dos fogaricos rosaleiros, un grupo que traballa activamente na participación infantil e xuvenil dentro do municipio. 

 Para a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, supón un orgullo “ver como a nosa mocidade participa en espazos de reflexión e debate tan importantes, achegando a súa mirada e demostrando que teñen moito que dicir sobre os retos do presente e do futuro”. A rexedora subliñou ademais “a importancia de crear espazos reais de participación para que nenos, nenas e adolescentes poidan expresar as súas preocupacións e formar parte das decisións que lles afectan”. 

 Durante as xornadas presentouse tamén un informe impulsado por UNICEF, a Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Xeral de Colexios de Enxeñería en Informática e Red.es, no que participaron máis de 3.300 escolares galegos e galegas. O estudo, considerado o de maior alcance a nivel mundial sobre o impacto da tecnoloxía na infancia e adolescencia, confirma a crecente presenza das redes sociais, videoxogos e aplicacións dixitais na vida da mocidade e alerta sobre problemáticas como o ciberacoso ou a violencia dixital nas relacións de parella. 

 Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social, Beatriz Rodríguez, puxo en valor “o traballo que se fai desde Fogaric@s para fomentar a participación activa da rapazada e darlles voz en cuestións fundamentais para o seu presente. É esencial escoitar á mocidade tamén cando falamos de tecnoloxía, convivencia ou saúde emocional, porque son eles e elas quen viven esta realidade en primeira persoa”. 

 A participación de Elda nestas xornadas reforza o compromiso do Concello do Rosal coa participación infantil e xuvenil e coa creación de espazos nos que a mocidade poida expresar libremente as súas ideas, preocupacións e propostas para construír unha sociedade máis consciente, segura e inclusiva tamén no ámbito dixital.

Ningún comentario:

Publicar un comentario