O Coro Gli Appassionati e os Coros Infantil e Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal ofrecerán un concerto benéfico a favor de Cruz Vermella
• O evento terá lugar o sábado, 6 de xuño ás 20.30 horas no Auditorio do Rosal
Infogauda/O Rosal
O vindeiro sábado, 6 de xuño, ás 20.30 horas, o Auditorio do Rosal acollerá un concerto benéfico protagonizado polo Coro Gli Appassionati e os coros infantís e xuvenís da Agrupación Musical do Rosal.
O concerto promete cativar ao público cunha coidada posta en escena na que a calidade musical será o eixo central, ofrecendo unha experiencia única para desfrutar da música coral en directo. Trátase dunha excelente oportunidade para achegarse a unha proposta artística de gran nivel no corazón do Rosal.
As entradas estarán dispoñibles o mesmo sábado a partir das 19.00 horas no despacho de billetes do auditorio, espazo cedido polo Concello do Rosal. Así mesmo, o evento ten un marcado carácter solidario: coa adquisición dun boleto do Sorteo de Ouro de Cruz Vermella, cun custo de 6 euros, poderán acceder dúas persoas ao concerto.
Deste xeito, o público non só poderá desfrutar dunha velada musical de calidade, senón tamén contribuír a unha causa solidaria, apoiando o labor humanitario de Cruz Vermella.
O que facemos polas persoas vale ouro
Cada verán, desde hai 34 anos, o Sorteo de Ouro de Cruz Vermella convértese nunha gran cita coa solidariedade; unha iniciativa que permite obter fondos cos que levar a cabo o labor humanitario da Organización, desenvolvendo proxectos sociais nas máis de 1.275 asembleas locais e puntos de actividade distribuídas por toda España.
Desde 1992 Cruz Vermella quixo achegar este sorteo a todos os recunchos do país, celebrando cada ano nunha cidade diferente. Nesta ocasión, o Sorteo de Ouro levarase a cabo o 22 de xullo en Granada, e será retransmitido en streaming a través das redes sociais de Sorteo de Ouro e de Cruz Vermella.
Previr e actuar fronte a crises medioambientais, loitar contra a pobreza e a violencia de xénero, dar apoio escolar a nenos e nenas, fomentar a autonomía e dignidade das persoas maiores ou acompañar na procura de emprego son algunhas das causas nas que Cruz Vermella traballa, e que pode seguir impulsando grazas a iniciativas solidarias como o Sorteo de Ouro, e a implicación de miles de persoas voluntarias e entidades colaboradoras que se envorcan na venda de boletos, dispoñibles desde o 20 de abril en todo o territorio nacional.
Máis de 7 millóns de euros en premios
O Sorteo de Ouro repartirá máis de 11.700 premios que superarán os 7 millóns de euros.
Outorgaranse 3 millóns de euros ao primeiro premio; 1 millón de euros ao segundo premio; 500.000 euros ao terceiro premio; 250.000 euros a cada un dos tres cuartos premios; e 100.000 euros a cada un dos tres quintos premios.
Ademais, repartiranse miles de premios aos números coincidentes con diferente serie á premiada, ou os coincidentes nas catro últimas cifras con diferentes contías.
As bases e os números premiados do sorteo, que terá lugar ás 19.30 horas do 22 de xullo, poderán consultarse na páxina web www.cruzroja.es/sorteodeoro
Os boletos do Sorteo de Ouro están dispoñibles en multitude de establecementos colaboradores e na páxina web http://www.cruzroja.es/sorteodeoro.
Grazas a ti, o que facemos polas persoas vale ouro!

Ningún comentario:
Publicar un comentario