27 de maio de 2026

O ROSAL

Contos para deixar voar a imaxinación nos Venres Rebuldeiros   

 A narradora, actriz e escritora Bea Campos será a protagonista da sesión deste venres 29 ás 18 h na biblioteca municipal. De balde  




Infogauda/O Rosal 

 As historias volverán saír dos libros para encher de maxia, humor e emoción a Biblioteca Municipal do Rosal. O Concello celebra este venres, 29 de maio unha nova cita dos xa consolidados Venres Rebuldeiros, un ciclo pensado para achegar a lectura á rapazada dun xeito vivo, dinámico e participativo. 

 Nesta ocasión, a protagonista será Bea Campos, narradora oral, actriz, escritora e directora teatral cunha ampla traxectoria sobre os escenarios e máis de dúas décadas contando contos para públicos de todas as idades. A sesión comezará ás 18.00 horas e será de balde ata completar a cabida. 

 Licenciada en interpretación textual, Bea Campos forma parte da compañía Migallas Teatro, coa que leva anos desenvolvendo espectáculos dirixidos tanto á primeira infancia como ao público adulto, converténdose nunha das voces máis recoñecidas da narración oral galega. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, fixo fincapé o éxito dunha programación “que conseguiu consolidarse como unha cita agardada por moitas familias, facendo da biblioteca un espazo vivo, creativo e cheo de experiencias compartidas”. A rexedora sinalou ademais que “os Venres Rebuldeiros son unha maneira fermosa de fomentar o gusto pola lectura desde a emoción, o xogo e a oralidade, creando momentos que quedan na memoria da rapazada”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario