8 de maio de 2026

GALIZA

O persoal do comercio irá de novo á folga o luns 11 de maio para rexeitar o convenio ARTE  

•  O paro coincide cunha nova reunión da mesa de negociación estatal 




Infogauda / Galiza

 A CIG ten convocada unha nova xornada de folga para o luns 11 de maio no comercio téxtil e de calzado das catro provincias galegas, no marco da loita contra o convenio ARTE (Asociación Retail Textil de España), a través do que a gran patronal busca recortar dereitos e centralizar as relacións laborais. A xornada coincide, ademais, cunha nova xuntanza da mesa de negociación en Madrid, prevista para ás 11:30h. 

 As persoas traballadoras do sector dan así continuidade ao intenso calendario de mobilizacións e paros para rexeitar o preacordo asinado o 23 de marzo pola asociación ARTE (que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam) e os sindicatos CCOO e Fetico. Con motivo da folga, o luns 11 de maio realizaranse as seguintes mobilizacións: 

A Coruña: ás 12:00 horas, manifestación dende a Praza de Lugo até o CC Catro Camiños. 

Compostela: ás 09:30 horas, manifestación dende a Praza Roxa até a Praza de Galiza e ás 12:30 horas manifestación dende a Praza de Galiza até As Cancelas. 

Ferrol: ás 12:00 horas, manifestación dende a porta principal do CC Odeón. 

Lugo: ás 12:00 horas, concentración no CC As Termas. 

Ourense: ás 11:00 horas, mobilización dende a Casa Sindical até Zara da rúa do Paseo. 

Pontevedra: ás 11:00 horas, concentración diante de Mango Muller. 

Vigo: ás 11:00 horas, manifestación dende o Cruce de Gran Vía até Príncipe e ás 17:30 horas, manifestación dende Vialia até Príncipe. 

Demanda dun acordo interprofesional galego 

 A CIG-Servizos advirte que a sinatura definitiva deste convenio estatal significaría a desaparición ou a redución ao mínimo das negociacións provinciais; conxelar durante anos as condicións laborais e salariais do persoal que xa está contratado; e a precarización daquelas persoas que se vaian incorporando ao sector, xerando condicións dispares entre persoas da mesmo centro que realizan as mesas funcións. 

 Polo tanto, o convenio impulsado por ARTE non só afectará ao persoal das grandes empresas do téxtil e do calzado, senón que terá consecuencias sobre as condicións laborais das persoas empregadas no pequeno comercio, que verán como desaparecen aos poucos ou se negocian á baixa os seus convenios de referencia. 

 De aí que con este paro de 24 horas tamén se lle reclame á patronal galega do comercio que sente negociar un acordo interprofesional de ámbito autonómico que blinde os convenios provinciais e garanta a súa prioridade aplicativa sobre o marco estatal. A CIG-Servizos xa trasladou en dúas ocasións esta petición por escrito á CEG que, de maneira teimuda e na liña contraria á seguida pola patronal vasca, nega a posibilidade dun acordo galego. 

 Precisamente, no día de onte, a CIG solicitoulle por escrito ás catro asociacións patronais provinciais do comercio manter reunións con cada unha delas, abordar o estado da negociación colectiva e avanzar nun marco galego que protexa os dereitos conquistados polas traballadoras e traballadoras a través dos convenios provinciais. 

Recorte de dereitos  

 Neste senso, a CIG-Servizos lembra que, con respecto aos actuais convenios provinciais, as condicións recollidas no preacordo ARTE suporían unha rebaixa salarial de entre 2000 e 3000 euros/ano -dependendo da categoría- na Coruña e Pontevedra; a desaparición do complemento de antigüidade para o persoal de Lugo e Ourense; e a perda do complemento de permanencia na Coruña. 

 Ademais, estabelécese a obrigatoriedade de traballar nos domingos e festivos de apertura; a planificación de horarios e calendarios redúcese a cinco semanas de antelación; recupérase a categoría de persoal axudante dependente durante 15 meses; autorízase a contratación fixa-descontinua a tempo parcial; e os 15 de minutos de descanso diarios deixarían de computar como tempo efectivo de traballo. 

 Na última reunión, ARTE trasladou o resto da súa proposta que contempla importantes recortes no completo de IT por enfermidade común e a creación de comités intercentros estatais en cada empresa, coa finalidade de reducir a capacidade reivindicativa en cada provincia. 

Ámbito de afectación da folga 

 Na provincia da Coruña a convocatoria de folga atinxe ao conxunto do persoal do comercio vario, mentres que en Pontevedra, Ourense e Lugo afecta ao persoal das empresas asociadas á patronal ARTE, así como a todas as persoas que presten servizo naquelas compañías que estarán afectadas polo ámbito funcional establecido no preacordo asinado o pasado día 23 de marzo pola asociación ARTE e os sindicatos CCOO e Fetico. Isto é, as dedicadas principalmente ao comercio téxtil e de calzado que conten cun cadro de persoal superior a 400 persoas e unha superficie de venta física superior a 3.500 metros cadrados no ámbito do convenio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario