29 de maio de 2026

A GUARDA

A Guarda acollerá a proxección do documental "Estigma" e un debate posterior sobre o VIH 

•  O vindeiro xoves, 4 de xuño, ás 18.00 horas, no  Centro Cultural da Guarda. Entrada libre e gratuíta ata completar a cabida 




Infogauda/A Guarda 

 A Asociación Érguete Baixo Miño, en colaboración coa Plataforma NATC e a rede estatal SuperVIHvents, organiza o vindeiro xoves, 4 de xuño a proxección da curtametraxe documental "Estigma", dirixido e producido pola galardoada cineasta Pilar García Elegido. O evento comezará ás 18.00 horas, no Salón de Actos do Centro Cultural da localidade. 

 O documental, de 23 minutos de duración e rodado nas paisaxes de Camposancos, aborda de forma directa as barreiras sociais, os dereitos e o estigma que aínda hoxe rodea ás persoas que conviven co VIH, recollendo os testemuños do "Proxecto Positivo+25". 

 Tras o visionado do filme, abrirase unha mesa redonda e un coloquio interactivo co público. Este espazo de debate estará dinamizado por Josep María Tomás, traballador social e portavoz da rede estatal SuperVIHvents, e contará coa participación de expertos e persoas que viven co VIH para responder á pregunta central do encontro: Segue existindo o estigma cara ao VIH? 

 Desde a organización invitan a toda a cidadanía a participar nesta xornada de sensibilización, educación e promoción da saúde.

Ningún comentario:

Publicar un comentario