22 de maio de 2026

DEPORTES

 ATLETISMO

ÁLEX SIERPES PEREIRA SEGUE SOÑANDO AO GRANDE 

 Tras conseguir a mínima mundialista en 1.500 m Sub-20 


 Álex Sierpes Pereira coa acreditación de haber logrado a marca mínima mundialista
Foto: Cedida

Redacción Deportes/A Guarda

 Álex Sierpes Pereira, o atleta puro sangue guardés de 17 anos logrou o pasado mércores, 20 de maio, no Desafío de Nerja, celebrado no Estadio Enrique López Cuenca, unha espectacular marca de 3.41.56, establecendo ademais o seu mellor rexistro privado e rebaixando amplamente as esixentes mínimas tanto da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) como de World Athletics. 

 O atleta do Vicky Foods Athletics acudía un ano máis ao Encontro Desafío de Nerja co obxectivo claro de alcanzar a mínima esixida pola Federación Española de Atletismo, fixada en 3.43.75, unha marca mesmo máis dura que a establecida por World Athletics, situada en 3.47.50. A RFEA endurece notablemente os criterios debido ao enorme nivel competitivo que presenta España nesta disciplina. 

 Se o ano pasado esta pista xa foi talismán para Sierpes, ao conseguir alí a mínima con 3.45.40 que posteriormente lle deu o billete para colgarse a medalla de prata no Festival Olímpico da Mocidade Europea (FOJE), celebrado en Macedonia, este ano volve saír de terras da Costa do Sol cunha nova marca privado debaixo do brazo. 

 Agora queda esperar a que cumpra os últimos requisitos esixidos pola RFEA e coñecer se finalmente será convocado para disputar o Mundial Júnior ao aire libre, que se celebrará do 5 ao 9 de agosto en Oregón, nos EE.UU. 

 Moitas felicidades, Álex, por esta extraordinaria marca no arranque da tempada ao aire libre. Acudas finalmente ou non ao Mundial, o obxectivo da tempada xa pode darse por cumprido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario