"CARRERO CARECE DUN PLAN DE USOS E DUN INFORME ECONÓMICO QUE AMPARE A COMPRA DA CASA DE D. ELOI"
• O BNG propón destinar os fondos solicitados á Deputación para a compra da casa nas necesidades urxentes que ten A Guarda, e convoca á veciñanza ao próximo pleno do 27 de maio
Foto:BNG
Infogauda/A Guarda
Na mañá deste xoves, 21 de maio, o Grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, na corporación municipal guardesa, fixo público que "no pleno celebrado onte no concello da Guarda a instancia do BNG, púxose de manifesto que o alcalde e o seu goberno carecen dun plan de usos e dun informe económico-financieiro que ampare a viabilidade da compra da casa de D. Eloi".
O portavoz nacionalista, Anxo Lois Baz Vicente, acusou ao alcalde de xestionar o municipio a base de "ocorrencias" e esixiu rigor ante unha operación de tal magnitude. "Calquera institución seria, antes de afrontar unha compra millonaria, encargaría un informe económico-financeiro que aclarase a súa viabilidade e presentaría un plan de usos. O contrario é xogar cos cartos dos guardeses", criticou Baz, quen lembrou o recente gasto de 40.000 euros nuns terreos inútiles para o punto limpo.
Pola súa parte, Bea Lomba, portavoz do BNG para asuntos económicos, alertou sobre o impacto que esta operación terá nas arcas municipais, nun exercicio onde o orzamento municipal só conta con 34.000 euros para investimentos. "É unha temeridade meter ao Concello nesta compra. Sen os fondos do Plan+Provincia que se pretenden dilapidar na casa, o municipio quedará paralizado e sen marxe para facer obras, mantemento ou mellora de servizos básicos", advertiu Lomba.
Ante esta situación, o BNG anunciou "que presentará unha proposta formal no vindeiro pleno ordinario, que terá lugar o mércores 27 de maio ás 20:00 horas. A iniciativa solicitará a retirada da petición de axuda á Deputación de Pontevedra para a compra do inmoble co obxectivo de reorientar eses cartos cara a necesidades urxentes en espazos públicos e servizos". Desde a organización nacionalista fan "un chamamento explícito á veciñanza para que asista á sesión e esixa ao alcalde dar marcha atrás nesta operación".

Ningún comentario:
Publicar un comentario