21 de maio de 2026

A GUARDA

A GUARDA ACOLLERÁ A PRESENTACIÓN DO LIBRO ARREDOR DO FERRUXO  

O acto contará coa participación dos autores Manuel Vázquez de la Cruz “O Ferruxo” e Fernando Salgado, ademais de María Begoña Vicente Sobrino  

A publicación, editada en galego, castelán e portugués, reúne relatos, poemas e reflexións arredor da memoria, o humanismo e a xustiza social  


Infogauda/A Guarda

 O salón de plenos da Casa do Concello da Guarda acollerá este venres, 22 de maio, ás 20:00 horas, a presentación do libro Arredor do Ferruxo, unha obra promovida por Manuel Vázquez de la Cruz “O Ferruxo” e Fernando Salgado Varela.   

 No acto intervirán os dous autores da publicación, así como María Begoña Vicente Sobrino, veciña da Proba (Salcidos), e colaboradora tamén na creación do relato e participante neste proxecto.  

 A publicación nace da iniciativa do xornalista e escritor Fernando Salgado Varela e do articulista, escritor e enxeñeiro agrónomo tudense Manuel Vázquez de la Cruz. O libro conta ademais coa colaboración de outras 26 persoas procedentes de diferentes ámbitos culturais e sociais, conformando un amplo mosaico de historias, relatos, crónicas e poemas.  

 Editado en tres idiomas —galego, castelán e portugués—, Arredor do Ferruxo reivindica valores como a paz, o humanismo, a memoria democrática e a xustiza social, ao tempo que manifesta “o seu rexeitamento fronte á barbarie, ás guerras, ao racismo e ao sexismo”.  

 Xunto aos autores principais, colaboran na obra Raquel Páramos Escapa, Eva Páramos Viñas, Ángeles Comesaña, Xoa Ocampo Francés, Anan Abdalah, Paula Álvarez Silva, Fátima R. Sío, Manuela Gabaldón, Basilio Barrocas, María Begoña Vicente Sobrino, María Belén Martínez-Estéllez, Nuna Vasconcelos, Juan Conde Gouzón, Kelson Lima de Boa Esperança, Olinda Fernandes, Natalia Lago Bravo, Silvia Liliana Soutelo Lameiro, Rafael [Sánchez] Bargiela, Carlos Solla, Enrique Cabaleiro González, Loli Castiñeira Alén, Héitor Picallo Fontes, Loli Quinteiro, Manuel Fortes Besada, Paula Cascallar Latorre e Augusto Metztli.  

 A entrada ao acto será libre ata completar a cabida.

Ningún comentario:

Publicar un comentario