7 de abr. de 2026

VIGO

A Xunta de Galicia detecta un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres no concello de Vigo 

 Este foco corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela que foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo Cotobade  

 Cómpre lembrar que en Galicia non hai ningún caso desta doenza en aves de curral  

 Recentemente foi levantado o confinamento de aves, así como outras medidas preventivas en gran parte do territorio, coa excepción dos 40 municipios galegos incluídos nas Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) 


Gaivota patiamarela (Larus michahellis)
Foto: José Marques

Infogauda / Vigo

 A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP). Trátase dunha gaivota patiamarela (Larus michahellis) atopada no concello de Vigo (Pontevedra) e trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Cerdedo Cotobade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.  

 A ave foi mostrexada para proceder á súa análise laboratorial, con resultado confirmado positivo a IAAP polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid), eliminándose o cadáver conforme á normativa en vigor. Con este novo foco, son sete os confirmados en aves silvestres en Galicia no ano 2026. Cómpre lembrar que, polo de agora, non se rexistrou ningún caso de IAAP en aves de curral na nosa comunidade.  

 Con respecto á situación en España, no actual período de vixilancia anual (desde o primeiro de xullo de cada ano), o número de focos en aves silvestres notificados por España ascende a 166 (14 deles corresponden a aves detectadas desde o 1 de xaneiro de 2026), un número inusualmente elevado comparado cos datos de anos anteriores, aínda que nas últimas semanas a circulación do virus influenza diminuíu notablemente en toda España e no resto de países da Unión Europea.  

Medidas preventivas en 40 concellos galegos 

 A mellora na situación de risco epidemiolóxico en España motivou que, desde o día 1 de abril, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación modificara as medidas preventivas vixentes desde o pasado 13 de novembro tendentes a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres, entre outras o confinamento das aves de curral. Desde entón, estas medidas só son de aplicación en Galicia nos 40 concellos situados nas denominadas Zonas de Especial Risco ZER (11 concellos) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) (29 concellos).  

 As ZER están conformadas polos concellos da Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Xove, Cerceda, Ordes e Tordoia. As ZEV inclúen os municipios de Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo, Zas, Ribadeo, Trabada, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, A Guarda, Marín, Meis, Moaña, O Rosal, Poio, Pontevedra, Redondela, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.  

 Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, e tendo en conta as actuais circunstancias, desde a Consellería do Medio Rural vólvese insistir na necesidade de estremar as medidas de bioseguridade das explotacións avícolas, tanto das industriais como das familiares, especialmente as destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia das aves domésticas e silvestres, comunicando de inmediato aos Servizos Veterinarios Oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres esta comunicación pódese levar a cabo a través do teléfono de atención á cidadanía 012.  

 Cómpre lembrar que o serotipo vírico detectado (H5N1) ten demostrado un limitado carácter zoonótico (contaxio a humanos), aínda que por un principio básico de bioseguridade, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Ningún comentario:

Publicar un comentario