7 de abr. de 2026

TUI

O PP DE TUI ESIXE QUE SE APARTE TEMPORALMENTE AO CONCELLEIRO DE URBANISMO DAS SÚAS FUNCIÓNS ATA QUE SE ESCLAREZA A INVESTIGACIÓN POR PRESUNTO ACOSO LABORAL 

 O voceiro popular tamén esixe explicacións públicas do caso ao alcalde e á concelleira de Igualdade para saber que medidas internas se teñen adoptado para tratar con este caso. 


Nico Montes, voceiro do grupo municipal do Partido Popular de Tui
Foto: G.M.PP.

Infogauda / Tui

 O grupo municipal do PP de Tui esixe ao alcalde, Enrique Cabaleiro, que aparte temporalmente ao concelleiro de Urbanismo, Miguel Méndez, das súas funcións ao fronte de varios departamentos do Concello ata que se esclareza o caso de presunto delito de acoso laboral a unha funcionaria e polo que figura en calidade de investigado. 

 O voceiro popular, Nico Montes, indicou que se trata dunha causa, aberta polo Xulgado de Instrucción Número 2 de Tui, que se refire directamente ao funcionamento e as tarefas do propio Concello, polo que entende que, para non interferir na labor municipal, Miguel Méndez debería ser apartado das tarefas de goberno de xeito provisional ata que haxa unha resolución. 

 O concelleiro do PP considera que se debe actuar con mesura, para evitar posibles prexuízos posteriores ao edil socialista en caso de arquivo ou absolución, pero tamén recorda que no exercicio da función pública débese priorizar ante todo o bo funcionamento da institución á que se representa. 

 Por outro lado, o líder dos populares tudenses esixe ao alcalde e á concelleira de Igualdade explicacións públicas sobre o xeito no que está a actuar o Concello neste caso que afecta directamente ao seu funcionamento interno: “É lamentable que dende o Concello soamente se falara do tema unha vez apareceu na prensa e que soamente se fixera para restar toda credibilidade á denuncia, atacar á presunta vítima e incluso acusala directamente de ter incorrido nun delito de coaccións”. 

 “Resulta interesante que o señor Cabaleiro recorde que no ano 2019 se produciu una denuncia similar fronte ao entón alcalde, porque naquel intre tanto o propio señor Cabaleiro coma o grupo do BNG chegaron a convocar unha rolda de prensa para atacar ao entón alcalde con ese asunto, dándolle toda a veracidade á denunciante e sen amosar o respecto que agora piden á presunción de inocencia do investigado. Soamente teñen veracidade as denuncias cando os denunciados son os rivais políticos? É un pésimo exemplo para a cidadanía.” 

 O edil popular tamén lamenta a falta de medidas internas para abordar un caso coma este: “No ano 2020 aprobouse un Plan de Igualdade para o Concello de Tui que incluía dúas principais medidas internas dirixidas á corporación: un protocolo de prevención fronte o acoso, a iniciar en febreiro de 2021, e un plan de igualdade interno, a iniciar en xullo de 2022. Non consta que ditas medidas fosen desenvolvidas a esta data, pese a que xa non se incluíron no Plan de Igualdade de 2025. Tampouco nos consta que exista una canle interna de denuncias, nin que o alcalde abrira de oficio unha investigación con todas as garantías cando tivo noticia do caso, nin dende logo que dita investigación se levase a cabo por unha persoa imparcial e independente”. 

 Segundo destaca Nico Montes: “Resulta moi hipócrita que, dende as institucións, os políticos esixamos aos particulares e ás empresas cousas que non nos aplicamos a nós mesmos”. 

 Por todo o anterior, o PP de Tui esixe ao goberno local que, ademais de apartar provisionalmente ao edil investigado, se dean as explicación públicas que resulten necesarias para que a cidadanía saiba o que está a ocorrer no Concello e, tamén, que medidas internas existen para tratar casos coma este, co gallo de garantir a seguridade dos traballadores municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario