O CONCELLO DE TUI ACOLLEU UNHA XUNTA DE VOCEIROS PARA ABORDAR A CAUSA DE PRESUNTO ACOSO NO GOBERNO LOCAL
• O PP revela que o alcalde confirmou que na investigación aberta sobre o concelleiro de Urbanismo hai unha peza separada que analiza as súas supostas responsabilidades e accións
• Os populares insisten en pedir prudencia e respecto ás persoas implicadas, pero trazan como liña vermella que non afecte ao funcionamento do Concello nin a atención aos veciños
Infogauda / Tui
O grupo municipal do PP de Tui vén de informar á veciñanza que o Concello acolleu, no serán de onte, unha xunta de voceiros convocada polo alcalde, Enrique Cabaleiro, para abordar a causa de presunto acoso no seo do goberno local e para trasladar información do mesmo aos representantes políticos na corporación.
Os populares, que estiveron representados polo voceiro, Nico Montes e os concelleiros Anabel Solla e Lino Cendón, revelaron que o rexedor confirmou neste encontro que na investigación aberta sobre o concelleiro de Urbanismo por suposto acoso laboral a unha funcionaria detectáronse algúns indicios que provocaron a dilixencia dunha peza separada que analiza as supostas responsabilidades e accións do propio Enrique Cabaleiro, aínda que polo momento non houbo avances xudiciais.
Ante esta situación, desde o PP tudense insistiron en pedir prudencia e respecto ás persoas implicadas en aras dos seus dereitos e da presunción de inocencia, aínda que recalcaron que seguirán demandando información e que cren que o concelleiro de Urbanismo, que figura como investigado, debería ser apartado temporalmente das súas funcións ata que se resolva a causa para non interferir na labor municipal.
Así mesmo, a formación liderada por Nico Montes salientou que ten trazada unha liña vermella para que esta causa non afecte ao funcionamento do Concello nin a atención aos veciños.
“Somos un partido responsable e rigoroso, e non somos incendiarios, como sabe todo o mundo en Tui, polo que imos seguir na senda da prudencia e na información aos veciños, que loxicamente teñen dereito a saber o que pasa no seu Concello sen que iso conculque os dereitos das persoas afectadas. Pero en todo caso estaremos pendentes de que Tui siga funcionando, porque os cidadáns non teñen porque verse prexudicados”, concluíu.

Ningún comentario:
Publicar un comentario