A XXI Feira de Cultivos dálle voz ao talento local cunha nova sesión de micros abertos
• Aberta tamén a inscrición para participar no Mercado de Primavera
Infogauda / Tomiño
A praza Pintor Antonio Fernández de Goián volverá ser o punto de encontro onde a música, a creatividade e o emprendemento local se dan a man. A Feira de Cultivos do Baixo Miño continúa a medrar como espazo vivo de participación coa celebración dunha nova sesión de micros abertos e coa apertura do prazo para o Mercado de Primavera.
O sábado 9 de maio, ás 13.30 horas, a música volverá ser protagonista cunha nova edición de micros abertos, unha proposta dirixida a todas aquelas persoas que queiran subirse ao escenario e compartir o seu talento nun ambiente próximo e participativo. A iniciativa forma parte da programación paralela da feira e busca dar visibilidade á creación artística local nun formato aberto e accesible. Inscricións xa abertas na web.
Ao tempo, xa está tamén aberta a inscrición para participar no Mercado de Primavera, unha oportunidade para artesáns, produtores e proxectos locais que desexen formar parte dun espazo de venda e promoción dentro da propia feira. A inscrición pode realizarse a través da web, contribuíndo así a encher a cita de vida, cor e diversidade.
Con estas iniciativas, a Feira de Cultivos do Baixo Miño reafirma o seu carácter dinámico e integrador, consolidándose como un evento que vai moito máis alá do sector agrario para converterse nun verdadeiro motor cultural e social do territorio.


Ningún comentario:
Publicar un comentario