En Tomiño o tenis gaña por solidariedade
• O III Torneo Escolar Benéfico reuníu a 30 participantes, recadou 100 kg de alimentos e reforzou a unión entre deporte e acción social no municipio
Infogauda / Tomiño
O deporte volveu demostrar en Tomiño que pode cambiar realidades. O III Torneo Escolar Benéfico de Tenis converteuse nunha xornada de éxito deportivo e solidariedade colectiva, reunindo nas pistas do Mosteiro a 30 nenos e nenas participantes e logrando a recollida de 100 quilos de alimentos e roupa destinados a entidades sociais do municipio.
A iniciativa, organizada polo Concello de Tomiño e a Escola de Tenis, desenvolvese nun ambiente festivo, cheo de participación, compañeirismo e bo xogo. Os participantes competiron nas categorías Peques, Prebenxamíns, Benxamíns, Alevíns e Infantís, nunha mañá na que o deporte base foi o auténtico protagonista.
Ao remate da competición entregáronse trofeos e medallas aos gañadores e realizouse un sorteo de agasallos entre todos os asistentes, completando unha xornada na que tampouco faltou unha merenda para repoñer forzas. Pero, por riba de todo, destacou o espírito solidario da comunidade, xa que a inscrición consistía nunha doazón de alimentos non perecedoiros e roupa, que serán distribuídos entre as asociacións SOS Tomiño e Solidaridad en tus manos.
Desde o Concello subñiñase tamén a importancia da implicación das familias, do persoal técnico e do voluntariado, cuxa colaboración foi clave para o bo desenvolvemento da actividade. A organización agradeceu igualmente o traballo das entidades sociais participantes, que reforzan día a día a rede de apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade no municipio.
O torneo consolídase así como unha cita xa imprescindible no calendario deportivo e solidario de Tomiño, demostrando que cando o deporte e a solidariedade van da man, o resultado sempre suma.

Ningún comentario:
Publicar un comentario