6 de abr. de 2026

TOMIÑO

Tomiño contratará a 19 persoas desempregadas ao abeiro do Plan +Provincia  

• Cubriranse ata sete postos diferentes a xornada completa  




Infogauda / Tomiño   

 O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 19 traballadores e traballadoras contratadas a través do Plan +Provincia 2026 da Deputación de Pontevedra a través da liña 3 para a activación do emprego. Estas novas incorporacións “permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais, pero tamén será unha oportunidade laboral a veciños e veciñas que están na procura de emprego”, como sinala a alcaldesa, Sandra González. 

 A través deste plan de contratacións cubriranse ata sete postos diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre seis e nove meses de duración. Así, está prevista a incorporación de: 

12 peóns de xardinaría. 

Dúas persoas como peóns de obras públicas en xeral. 

Unha persoa para mecánica de mantemento e reparación de automoción en xeral Oficial 2ª. 

Un soldador ou soldadora de estruturas metálicas lixeiras, especialista. 

Un técnico/a administrativo en xeral, categoría Oficial administrativo. Como requisito deberán posuír a titulación ou titulacións de Ciclo Superior ou equivalente da familia profesional de Administración e Xestión que se establezan nas bases da selección. 

Un traballador ou traballadora social, categoría axudante titulado. 

Un enxeñeiro ou enxeñeira técnica forestal ou biólogo ou bióloga ou profesional da protección ambiental categoría de axudante titulado. 

 As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación. 

 O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33% sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ou fillas ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario