Violencia sobre a Muller
Abel Losada apunta ás “raíces históricas” da violencia económica sobre a muller na Xornada organizada pola Subdelegación
A catedrática Coral del Río e o delegado da Axencia Estatal de Administración Tributaria, Daniel Gómez, forman a persoal dos CIM e Servizos Sociais
Infogauda / Pontevedra
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, apuntou ás raíces históricas do fenómeno da violencia sobre a muller e recordou que hai non moitos anos, as mulleres tiñan que pedir permiso marital para abrir unha conta bancaria. Losada recordou esta circunstancia durante a apertura da Xornada sobre Violencia Económica organizada pola Subdelegación do Goberno en colaboración coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
A xornada celebrouse na sede da AEAT en Pontevedra e contou coas intervencións da xefa da Unidade de Prevención da Violencia da Subdelegación, María José Rodríguez. Exerceron como relatores o delegado da AEAT, Daniel Gómez Aragón, e a catedrática no Departamento de Economía Aplicada da UVigo, Coral del Rìo Otero. Del Río é doutora pola Universidade Carlos III e integrante da rede Equialitas de investigadoras que traballan sobre a desigualdade e a análise da pobreza.
Abel Losada celebrou o éxito de convocatoria dun acto ao que asistiron máis de medio cento de traballadoras dos CIM, Servizos Sociais municipais e membros de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Na súa presentación aludiu á coincidencia coa publicación hoxe da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que vén acreditar que en España hai 1,5 millóns de mulleres máis traballando que en 2019, primeiro ano do actual Goberno. Para Losada, “a independencia económica, concretada a través da percepción dun salario mensual, é o mellor itinerario cara á igualdade”. Explicou que a taxa de paro feminina reduciuse 4,4 puntos neste tempo e que a incorporación da muller ao mercado laboral é especialmente intensa nos niveis de cualificación baixos ou medio-baixos. “Aínda que non deixa de ser o retrato do escenario macro, que evoluciona na boa dirección e queda moito por facer”, matizou o subdelegado.

Ningún comentario:
Publicar un comentario