20 de abr. de 2026

O ROSAL

Esta primavera O Rosal volve tomar ‘Cafés en Igualdade’   

 O Concello pon en marcha unha nova edición deste ciclo de encontros abertos e de balde que percorrerá as parroquias con expertos e expertas para abordar temas de actualidade social  

 A primeira cita, este xoves 23 no Restaurante As Eiras para falar de coidados. Ás 17.30 h con entrada de balde  




Infogauda / O Rosal

 O cambio social tamén se constrúe nas pequenas conversas que nacen arredor dunha mesa compartida. O Concello do Rosal pon en marcha unha nova edición de ‘Cafés en Igualdade’, unha iniciativa xa consolidada que regresa esta primavera co obxectivo de xerar novos espazos de encontro, reflexión e pensamento crítico entre a veciñanza. 

 A través destes encontros mensuais, abertos e gratuítos, o programa percorrerá distintas parroquias para abordar cuestións de actualidade que afectan directamente á vida das persoas, sempre da man de profesionais que achegarán distintas perspectivas e ferramentas para comprender e afrontar retos sociais. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou o gran papel que están a xogar os Cafés en Igualdade rosaleiros, que “crean espazos onde falar, escoitar e compartir experiencias, algo fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Estes encontros permiten achegar a reflexión a pé de rúa e facer partícipe á veciñanza dos cambios que queremos construír como sociedade”. 

 A primeira cita terá lugar esta mesma semana, cun encontro centrado en reivindicar que ‘Coidar tamén é cousa de homes’, no que se abordará o papel da educación e dos coidados como motor de transformación social. A charla correrá a cargo do docente de educación secundaria Manoel Ucha e celebrarase este xoves 23 de abril ás 17.30 horas no restaurante As Eiras con entrada de balde. 

 A concelleira de Igualdade, Beatriz Rodríguez, puxo en valor o enfoque accesible e próximo do programa. “Queremos que a igualdade deixe de ser un concepto afastado e se converta nunha conversa cotiá, que se viva nos barrios, nas parroquias e nos espazos compartidos. Os ‘Cafés en Igualdade’ son unha oportunidade para aprender, cuestionar e avanzar xuntas e xuntos”, recalcou. 

 O ciclo continuará o 28 de maio cun encontro sobre a influencia das emocións na saúde, da man da psicóloga clínica Andrea Iglesias, na Liga. Finalmente, o 18 de xuño pecharase esta edición cunha charla sobre identidade e vivencia do colectivo trans, impartida polo activista Eric Dopazo no Jota Jota. 

 Desde o Concello anímase a toda a veciñanza a participar nestes encontros, pensados para compartir coñecemento, experiencias e inquedanzas nun ambiente próximo e acolledor. Porque a igualdade tamén se constrúe conversando. 

 Os Cafés en Igualdade son encontros mensuais de balde abertos a toda a veciñanza que analizan cuestións de actualidade desde múltiples perspectivas, sempre cun enfoque participativo e transformador. O proxecto posto en marcha polo Concello conta co financiamento do Ministerio de Igualdade, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e consolídase como unha iniciativa que combina educación, participación cidadá e compromiso social.

Ningún comentario:

Publicar un comentario