28 de abr. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Cristina Cifuentes vai a polo lustro co Guardés 

A pivote pucelana é a terceira xogadora en renovar o seu acordo co Club de cara ao vindeiro curso 2026/2027 

Cifuentes, un pilar en defensa e importante apoio de todo o cadro de persoal, sumará o ano que vén o seu quinto na Guarda, despois de estar apartada das pistas a metade da tempada actual debido a unha grave lesión de nocello 

Cristina Cifuentes: “Espero que ano que vén se forme outro grande equipo e poidamos seguir en tódalas competicións coma estamos a facer ata agora”

 



Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés segue a sumar nomes para o seu proxecto do 2026/2027, e nesta ocasión volve selar a continuidade dunha xogadora insigne do Club. A pivote Cristina Cifuentes é a terceira renovación do equipo baixomiñoto para o curso que vén, no que a pucelana pasará o seu quinto ano na Guarda con ganas de recuperar a forma despois da lesión de nocello que sufriu na actual tempada. 

 A valisoletana é un dos pilares na proposta defensiva dun cadro de persoal que atopa nela a unha das súas xogadoras emblemáticas. Co seu estilo de xogo activo e atento, destaca pola súa férrea protección da portería dende a posición de pivote; se ben tampouco pasa desapercibida no ámbito ofensivo. Malia só poder competir en apenas 11 partidos no que vai de tempada, neles aportou un total de 30 goles contando Liga e competición europea, unha media que supera os 2,7 por encontro, e que engrosara nos últimos tempos como especialista dende os sete metros. 

 O seu brillante camiño no curso actual viuse truncado no pasado mes de decembro, cando recibiu a diagnose dunha grave lesión no nocello esquerdo con afectación ao talón de Aquiles, a cartilaxe da articulación e o óso astrágalo. Unha doenza con percorrido e pola que debeu pasar por quirófano a comezos de febreiro, momento dende o que se centrou na súa recuperación ata chegar a conseguir avances a pasos axigantados e recibir, por fin, a alta médica hai unha escasa semana. 

 Cifuentes aínda non está dispoñible para dar o nivel sobre a pista, se ben amosa o seu compromiso habitual co equipo traballando todo o activamente que pode por volver suar a camisola canto antes, con esperanzas de poder facelo antes de que remate o calendario deportivo tan esixente que as súas compañeiras teñen por diante. Ademais, dende estas semifinais europeas reincorporouse ás viaxes e convocatorias do equipo, recuperando o seu papel de referencia e apoio de todo o grupo. 

 Cristina chegou ao Guardés no 2022 procedente do Club da súa vida e da súa cidade, o Aula Valladolid. Dende entón atopou na vila baixomiñota a súa segunda casa, tanto que é xa a xogadora máis veterana no equipo actual, no que tan importante lugar ocupa como pegamento humano das súas compañeiras. Pola súa dedicación, o seu desempeño deportivo sen importar as fochancas físicas e a súa aposta a longo prazo no proxecto guardés, o Mecalia quixo contar con ela un ano máis no que seguir construíndo identidade local xuntos e loitando por novos retos da man. 

 Cristina Cifuentes é o terceiro nome que o Guardés desvela do seu cadro de persoal para o próximo ano deportivo 2026/2027, do que unicamente transcenderon ademais as renovacións de Cecilia Cacheda e María Palomo, así como a non continuidade de Ana Seabra como cabeza do corpo técnico. Nas seguintes semanas, o Club comunicará as demais xogadoras que conformarán o seu proxecto do ano que vén, así como a identidade do técnico que a dirixirá.  

Cristina Cifuentes: “Espero que o ano que vén se forme outro grande equipo e poidamos seguir en tódalas competicións coma estamos a facer ata agora” 

 A pivote do Guardés, Cristina Cifuentes, destacou a súa proximidade emocional coa Guarda como principal motivo para apostar polo seu equipo un ano máis. “A verdade é que despois de catro anos aquí, síntome moi querida”, indica, referíndose por suposto ao xeito no que a vila enteira se entrega co Club: “Ao final, temos a mellor afección de España e iso é un aliciente para seguir un ano máis”. 

 Sobre a súa lesión, a pucelana lamenta que “non puiden desfrutar moito da tempada”, e conta con que os seus problemas físicos se solucionen por completo para o vindeiro curso e que “poida estar toda a tempada a tope co equipo”. Se por ela fora, de feito, dataría a súa reincorporación moito antes, pois o vindeiro 4 de maio ten unha nova revisión médica e existe a posibilidade de que sume minutos na fase final da Copa da Raiña. Ela refire: “estou a traballar pouco a pouco en pista e a facer cousiñas”, apuntando á competición copeira coma o seu próximo obxectivo, pero sen esquecer tampouco das “semifinais do play-off, se nos clasificamos esta semana, e obviamente, a final europea”. 

 Con respecto ao 2027, Cris comparte obxectivos co Club, mesmo sen coñecer ao resto do plantel que acompañará aínda: “Espero que se faga outro grande equipo e que poidamos seguir en tódalas competicións coma estamos a facer ata agora”. Pase o que pase, a pivote aposta por manter a esencia Guardés, que cre que é a chave de todo o seu éxito recente. “Vai haber moitos cambios, pero creo que temos que seguir coa filosofía do equipo e da vila, que é esa unión”, explica, para así, por fin, “poder erguer un título pronto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario