10 de abr. de 2026

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Cecilia Cacheda seguirá un ano máis á fronte do ataque guardés 

A lalinense é a primeira xogadora en renovar o seu contrato co club baixo miñoto para a vindeira tempada 2026/2027 

Cacheda, central e peza chave na estratexia ofensiva do equipo, sumará o curso que vén o seu cuarto ano no Guardés 


A central Cecilia Cacheda nun encontro disputado no pavillón A Sangriña
Foto: SportCoeco


Redacción Deportes / A Guarda 

 O Mecalia Atlético Guardés desvela o primeiro nome do seu proxecto para a vindeira tempada 2026/2027. A central Cecilia Cacheda é a primeira xogadora en renovar o seu acordo co club baixomiñoto e sumará o ano que vén a súa cuarta campaña no equipo. 

 A lalinense, de 31 anos, é unha peza esencial na configuración do cadro de persoal guardés, especialmente na súa estratexia ofensiva. Capaz de ler o xogo con rapidez e anticiparse a cada xogada, Cacheda lidera o ataque sobre a pista e é unha das xogadoras máis valiosas en termos de definición de cara ás porterías rivais. Dende a posición central e malia ausentarse de varios partidos debido a lesións e molestias puntuais, na tempada actual suma a impresionante cifra de 76 goles e 136 asistencias, ademais dunha inestimable aportación a nivel táctico. Tamén é unha xogadora moi atenta na protección da propia portería, causante doutros tantos roubos de balón que transforman as accións defensivas en coordinados contraataques.  

 Por todo iso o Mecalia considera á galega unha parte fundamental do seu cadro de persoal, talento local que supón unha importante peza do puzle que é o equipo e dos seus últimos logros. Ceci chegou ao Guardés no ano 2023, procedente do Motivemarket.com Gijón e buscando novos retos preto da súa casa, e atopou dende entón no club baixomiñoto un lugar no que brillar e unha alianza á hora de pensar no futuro. A súa renovación só pode encadrarse nunha aposta pola identidade que o equipo conseguiu construír nos tempos recentes. 

 Cacheda é o primeiro nome que o Guardés desvela do seu proxecto para o próximo curso 2023/2027, do que unicamente transcendeu ademais que Ana Seabra non continuará á fronte do seu corpo técnico, sen coñecerse aínda o seu relevo. Nas seguintes semanas, o Club comunicará as demais xogadoras que conformarán o seu cadro de persoal do ano que vén, así coma a identidade do técnico que a dirixirá.  

Cecilia Cacheda: “O Guardés é un club que loita por absolutamente todo, gústanme esa ambición e esixencia” 

 A xogadora do Guardés, Cecilia Cacheda, declarou estar “moi contenta coa renovación”, xa que “ao final, cando estás a gusto e as cousas van ben, é moi fácil dar o paso”. É esa sensación de comodidade un dos principais motivos para continuar un ano máis entre as súas filas, pois a central describe complicidade coas súas compañeiras, un ambiente “moi bo”, e destaca que “tanto o Club coma o pobo entréganse moito con nós, e esa axuda sempre é benvida”. 

 A tendencia positiva do equipo nos últimos tempos é, polo demais, a razón principal para que a lalinense siga a facer da Guarda o seu fogar. “O Guardés é un club que loita por absolutamente todo, e para mostra diso temos o feito de que somos o único equipo en seguir vivas nas tres competicións que xogamos esta tempada”, explica Cacheda. “O motivo máis grande para seguir aquí é esa ambición e esixencia do equipo, que sempre é máxima, eu son unha persoa á que lle gusta autoesixirse e traballar, e creo que non hai mellor sitio para facelo”, afirma. 

 O feito de poder competir na súa terra, preto da súa casa, tamén é un plus a favor do equipo baixomiñoto, e que nas súas palabras e xunto co “bo trato que sempre se me deu dende tódalas partes do Club (compañeiras, directiva, afección...)”, contribúen a ese estar a gusto. 

 Con respecto ao futuro, a central espera que o Mecalia continúe polo mesmo camiño de cara á vindeira tempada: “Espero o mesmo, estar loitando sempre por todo, ser un equipo punteiro en España e seguir nesta liña de ambición e ganas que demostramos e que nos dá ese puntiño máis que se nota no día a día”. Polo de agora, Ceci soña con “rascar algún título” este ano, que sería “marabilloso” pero, alén dos resultados, é ese traballo ao longo do camiño o que a motiva a manter as aspiracións altas de cara ao 2027.

Ningún comentario:

Publicar un comentario