10 de abr. de 2026

A GUARDA

A Guarda prepara unha charla para reflexionar sobre o impacto do móbil na infancia   

Trátase dunha actividade dentro dun ciclo de accións no mes de abril  




Infogauda / A Guarda

 O próximo venres 17 de abril a Casa dos Alonso acollerá o faladoiro “Desconectar para conectar”.  

 Trátase dunha charla sobre a dependencia dixital, enfocándose no impacto das pantallas e novas tecnoloxías na infancia e adolescencia. Estará impartida por Xulio Carmona, enfermeiro de saúde mental e experto en adiccións tecnolóxicas; ademais, é activista de Adolescencia Libre de Móbiles.  

 Menchu Outón, docente de secundaria no ensino público, tamén impartirá este faladoiro, aportando a súa visión, coñecemento e experiencia desde o ámbito escolar.  

 A charla será o venres 17 no Salón de Plenos ás 18:00h e contará con servizo de canguraxe de balde, organizado pola ANPA Atalaia.  Ademais, ata entón hai unha exposición no salón de plenos “Medrar con pantallas ≠ progreso, un percorrido visual do ilustrador galego - de ascendencia guardeesa - Kiko da Silva para entender como a tecnoloxía afecta ao desenvolvemento dos máis novos. Esta exposición ten un alto valor didáctico, polo cal se anima aos centros a visitala.  

 Estas accións encáixanse dentro do ciclo “Familias na era dixital” impulsado pola ANPA Atalaia, coa colaboración do Concello da Guarda. Ademais, haberá máis accións en colaboración con todas as ANPAs do municipio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario