A Deputación publica un novo número da revista do Museo de Pontevedra, con investigacións sobre arqueoloxía, patrimonio e arte
• Trátase do número da anualidade 2020-2022 da revista científica ‘El Museo de Pontevedra’, que se vén editando desde 1942
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar o número correspondente ás anualidades 2020-2022 da revista científica ‘El Museo de Pontevedra’. É o número 65 desta publicación que se vén editando desde 1942 e que reúne traballos de investigación relacionados cos ámbitos da arqueoloxía, o patrimonio, a arte, a documentación e os propios fondos do Museo de Pontevedra.
No número que acaba de saír do prelo reúnense oito traballos de investigación. Abre a publicación un texto coa sinatura de dez autores que recolle os resultados de catro campañas de escavación no Castro Grande de Neixón (Boiro), entre 2015 e 2018, na que se obtivo interesante información sobre o sistema defensivo e se localizou un edificio de grandes dimensións identificado como un templo rural de inicios da Alta Idade Media.
Os arqueólogos Juan Manuel Abascal e Rafael Rodríguez publican un artigo sobre grafitos cerámicos documentados en campañas arqueolóxicas promovidas pola deputación no xacemento da Lanzada (Sanxenxo). E a investigadora brasileira Kenia de Aguiar Ribeiro aborda o traballo fotográfico pioneiro que Ramón Sobrino Buhigas levou a cabo sobre os petróglifos de Galicia durante o primeiro terzo do século XX.
Dous artigos céntranse en aspectos relacionados co patrimonio arquitectónico. Fátima Martínez Gómez e Mateo Fontán Couto realizan unha aproximación histórico-artística ao contexto de creación do cemiterio pontevedrés de San Mauro, inaugurado en 1882, e ao rico patrimonio funerario que alberga. Pola súa parte, Rafael Vallejo documenta a traxectoria histórica e o proceso de privatización da Casa Barroca de Combarro (Poio), un inmoble expropiado en 1973 para albergar o Museo do Mar.
No ámbito da documentación, Pedro López publica o manuscrito de ‘Las cruces de piedra en Pontevedra’, un texto de 1964 de Enrique Fernández Villamil que describe a historia dos principais cruceiros do casco urbano da cidade.
Os dous últimos artigos céntranse en pezas conservadas no Museo de Pontevedra. Antonio Costa Iglesias recolle o resultado das investigacións coas que identificou mediante técnicas de fotogrametría a figura de Fernando II, rei de Galicia, nun dos tímpanos da igrexa de San Martiño de Moaña e o vincula co tímpano da mesma procedencia exposto no Museo. O mesmo Costa Iglesias presenta outro traballo a partir do estudo fotogramétrico do tímpano de San Xoán de Palmou, no que identifica a figura bíblica de David, un león e unha ovella, cuestionando a habitual lectura que sitúa a Sansón como protagonista do tímpano.
A revista péchase cun informe sobre o número de visitas recibidas no Museo no período 2020-2022, e coa memoria da entrada de obxectos nese mesmo período: pezas arqueolóxicas, medallas e condecoracións, instrumentos musicais, fotografías, mobles, libros, gravacións sonoras, documentación, gravados, unha escultura de Xoán Piñeiro e pinturas e debuxos de Xaime Quessada, Joaquín Vaamonde, Luis Pintos Fonseca, Amancio Landín, Jorge Castillo e Rafael Alonso, entre outros.

Ningún comentario:
Publicar un comentario